InicioDeportesO Burela FSF resolve en dous minutos de acerto (2-0) ante o...

O Burela FSF resolve en dous minutos de acerto (2-0) ante o sempre difícil Alicante de Ana Romero

Os goles de Cilene e Cristina danlle ao Pescados Rubén o liderado do subgrupo B de Primeira

Publicada o

- Advertisement -

O Pescados Rubén Burela FSF conseguiu sumar esta tarde unha vitoria no seu debut ligueiro en Vista Alegre ante un difícil UA Alicante (2-0), tres puntos que soben ‘ás Guerreiras‘ ao cumio clasificatorio do subgrupo B, con 7 puntos, na xornada 4. As pupilas de Julio Delgado foron de menos a máis; gozaron dun minuto de ouro na primeira parte, o 15, para tomar a vantaxe e apropiarse do marcador, nunha cita na que demostraron un gran control, con moitas ocasións, aínda que con resistencia de finalización nos últimos metros.

A escuadra da Mariña Lucense sabía que tiña que ter paciencia ante o complicado Alicante de Ana Romero. A ex porteira do cadro laranxa defendeu á perfección a rede visitante nas primeiras tentativas burelistas, de Peque, tras recuperación, e no disparo seco de Lara Balseiro, nos minutos 4 e 5. Jozi tamén mantivo o marcador a cero no 7, facendo acto de presenza para cazar o esférico na lea da área entre Pao e a defensa local; era a primeira das de Mavi Sansano.

Antes da medianía do primeiro acto, Dany, a balón parado, e Peque, plantándose fronte a Ana, non puideron adiantarse. Con todo, en tan só un minuto, a insistencia galega ante unha Ana Romero moi oportuna tivo recompensa, cunha xenialidade de Cilene, no 15, e Cristina no 16, nun disparo cruzado ao segundo pau que tocou en Ángela Mingot. As alacantinas tiveron a mellor ocasión para recortar antes do descanso no 18, cunha incursión de Pao, que conseguiu desviar Jozi tocando o xusto.

SEGUNDO TEMPO

Renovouse o xogo en Vista Alegre con cambio en ambas as redes, con máis fluidez nas filas laranxas ante o desgaste visitante. Sandra Buzón bloqueou ás alacantinas para custodiar a vantaxe local no regreso, no minuto 23 fronte a Sara e despois, no rexeitamento, ante Rocío. A 4 galega volveu estar moi atenta ante o potente disparo de Melli. Rozando o ecuador do segundo acto, Cilene tivo o terceiro nunha grande incursión de Dany apoiada en Bea Mateos, desartellada polas filas alacantinas. Pouco despois Elena conseguiu frear as intencións no bo entendemento entre Peque e Lara Balseiro. A vaselina de Jenny no 35 tampouco obtivo recompensa. Definitivamente o terceiro das burelistas hoxe resistíase. Dany non puido chegar ao pase de Bea Mateos, soas ante Elena. Pouco antes, Rocío tivera unha das mellores para reducir nun disparo demasiado cruzado. Con dous minutos para a bucina final, as visitantes saltaron ao parqué con xogo de cinco con Elenita, sen perigo.

VINDEIRA CITA O 21 DE NOVEMBRO

Tras o descanso da próxima semana, as laranxas volverán ao parqué, coa xornada 5, de novo en Vista Alegre. Será o sábado 21 de novembro, ás 16.30 horas, con Sala Zaragoza.

FICHA TÉCNICA

Pescados Rubén Burela FS: Jozi Oliveira, Cilene, Peque, Lara Balseiro, M. Cortés, cinco inicial; tamén xogaron Jenny, Dany, Ale de Paz, Bea Mateos, Cristina, Elena Aragón, Sandra Buzón.

UA Alicante FS: Ana Romero, Elenita, Sara, Melli, Rocío, cinco inicial; tamén xogaron Ángela, Lara, Pao, Anita, Miriam, Raquel, Elena.

Goles: 1-0, minuto 15, Cilene; 2-0, minuto 16, Cristina (p. p. Ángela).

Árbitros: Gallo Suárez // Hevia Campa.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 4 de Primeira División disputado en Vista Alegre, a porta pechada. Na apertura da liga na Bomboneira o alcalde de Burela, Alfredo Llano, fixo entrega dun detalle conmemorativo do título de liga 2019-20 ás campioas, recibido sobre a pista polo presidente, Manuel Blanco, e a capitá, Peque.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...