O Pescados Rubén Burela FS levou este sábado o derbi galego ante O Parrulo (6-3) e volveu ao camiño da vitoria seis xornadas despois. Vista Alegre viviu unha primeira parte moi equilibrada nunha cita con fases moi diferentes. Trala vantaxe local ao descanso con 2-0, os ferroláns foron a mellor, aínda que co empate 2-2 a escuadra de Juanma Marrube cobrou forza para aproveitar as súas ocasións e distanciarse no marcador.
Aos corenta segundos os da Mariña xa estrearon o luminoso nunha boa saída e unha perfecta conexión con Pitero de cabeza que culminou Renato. Edu estivo moi atento ante o remate de Adri, de lonxe. Os locais puideron ampliar a renda no 7 con dúas perigosas opcións de Quintela, desartellada por Espíndola, e Matamoros, ao pau. O capitán defendeu os intereses dos mariñaos; sobre o 12 volveu facer acto de presenza fronte a Adri e pouco despois resolveu ante Miguel e Isma; o porteiro naronés tivo que aplicarse máis a fondo nos últimos minutos con chegadas máis incisivas, lideradas polo 10 ferrolán, con Thalles e Miguel. O canteirán Pitero ratificou a eficacia local a 12 segundos da bucina do descanso, cazando un balón na área parrula na pugna da defensa visitante con Lucho e Quintela.
SEGUNDO ACTO
Volveron os de Ferrol coas ideas máis claras para ofrecer unha mellor versión ante un Pescados Rubén máis acougado mandando no marcador. O ex do cadro laranxa Iago Rodríguez reduciu distancias no minuto 24. Espíndola e Adri aliáronse para bloquear a tentativa de Renato dous minutos despois. Non puido chegar Quintela ao pase de Pitero. No cara a cara de Iago Rodríguez e Edu saíu vitorioso o meta no minuto 28. Con todo, o empate non se fixo esperar; chegou o empate nas zapatillas doutro antigo futbolista dos locais, Miguel, nunha contra de Isma.
Lonxe de facer dano nas filas do Mariskal, coa igualada o conxunto local reaccionou dando un paso adiante, recobrando fortaleza. Trala intervención baixo paus na neutralización de Iago Rodríguez e William, Javi Rodríguez puxo a sinatura á iniciativa laranxa nun golazo, no 33, tras saque de esquina de Álex Diz. Edu, desde o chan, volveu frear os parrulos e Quintela sacouna en busca do cuarto, sentenciada por Lucho, no 37. O técnico visitante, Héctor Souto, apostou por xogo de cinco acto seguido, pero a recompensa quedou na casa. Renato non cesou na presión ante Isma, conseguiu arrebatar o esférico e subir o 5-2 coa portería baleira. A recta final foi de infarto. Isma, con Miguel moi atento ao segundo pau, reduciu diferenzas co 5-3, pero hoxe o gol tiña brillo laranxa sen dúbida e Renato quixo demostralo co seu hattrick, a tan só 33 segundos, aproveitando o despexe de Espíndola ante o saque longo de Edu, para o definitivo 6-3.
O MARTES, EL POZO
Nova semana sen tregua. Mañá, os pupilos do Mariskal poñerán rumbo a terras murcianas para enfrontarse o martes a Elpozo (18.00 horas), na xornada 10.
FICHA TÉCNICA
Pescados Rubén Burela FS: Edu, Pitero, Javi Rodríguez, Renato, Giasson, cinco inicial; tamén xogaron Lucho, Matamoros, Quintela, Álex Diz, Eto’o, Nito.
O Parrulo FS: Espíndola, Iago Rodríguez, Isma, Adri, Miguel, cinco inicial; tamén xogaron Kevin Chis, Diego Núñez, William, Ique, Thalles.
Goles: 1-0, minuto 1, Renato; 2-0, minuto 20, Pitero; 2-1, minuto 24, Iago Rodríguez; 2-2, minuto 28, Miguel; 3-2, minuto 33, Javi Rodríguez; 4-2, minuto 37, Lucho; 5-2, minuto 38, Renato; 5-3, minuto 39, Isma, 6-3, minuto 40, Renato.
Árbitros: Carreira Romero // Ferrero Carballal. Por Burela amarela a Matamoros (minuto 8), Pitero (minuto 9), Álex Diz (minuto 34). Por Ferrol amarela Espíndola (minuto 3), Isma (minuto 7), Ique (minuto 16).
Incidencias: Partido correspondente á xornada 9 de Primeira División Masculina disputado en Vista Alegre, a porta pechada.
O MARTES, EL POZO
Nova semana sen tregua. Mañá, os pupilos do Mariskal poñerán rumbo a terras murcianas para enfrontarse o martes a Elpozo (18.00 horas), na xornada 10.