O Pescados Rubén FSF desfaise do Sala Zaragoza cun festival de goles (8-3)

Cilene e Cami, con dous tantos cada unha, lideraron ao Burela nunha tarde prácida en Vista Alegre, cunha renda de 2-0 a favor xa no minuto 4

Cilene marcou dous goles. AXM

Festival de goles do Pescados Rubén Burela FSF, que se desfixo con comodidade do Sala Zaragoza no inicio da Tarde Laranxa. As pupilas de Julio Delgado e Lucas ofreceron un recital de acerto goleador sobre a rede do cadro maño, cun resultado final de 8-3.

O cadro da Mariña Lucense adiantouse aos 25 segundos de xogo, ao definir Leti no segundo pau. Lara enviou un balón ao traveseiro antes do 2-0, obra de Jenny no minuto 4, nada máis saír aao parqué. O cadro aragonés recurtou diferencias pouco despois por medio de Livia, pero Cami axiña selou o 3-1, asistida por Bea Mateos. Cilene, a dous minutos do descanso, ampliou a renda das locais.

Paola deu azos ao conxunto visitante á volta dos vestiarios, pero foi só un espellismo. Cilene culminou unha triangulación de Leti e Peque para rubricar o 5-2. O 6-2 chegaría xa no ecuador do segundo acto, obra de Dany. Segundos despois, Cami anotou o 7-2. Jenifer Sousa marcou o terceiro do equipo maño cunha picada ao bordo da área, e María Moreno, en propia portería, fixo o definitivo 8-3. O final do partido chegou con tres dobres penaltis para as locais, nas zapatillas de Elena Aragón, sen máis movementos no electrónico.

FICHA TÉCNICA

Pescados Rubén Burela FS: Sandra Buzón, Cristina, Peque, Lara Balseiro, M. Cortés, cinco inicial; tamén xogaron Jenny, Ale de Paz, Elena Aragón, Cilene, Bea Mateos, Cami, Dany.

Sala Zaragoza FS: Ana Etayo, Livia, Paola, Rafinha, Carmen Alonso, cinco inicial; tamén xogaron Jenifer Sousa, Rapha, Aitana, María Moreno.

Goles: 1-0, minuto 1, M. Cortés; 2-0, minuto 4, Jenny; 2-1, minuto 5, Livia; 3-1, minuto 7, Cami; 4-1, minuto 18, Cilene; 4-2, minuto 24, Paola; 5-2, minuto 25, Cilene; 6-2, minuto 30, Dany; 7-2, minuto 33, Cami; 7-3, minuto 38, Jenifer Sousa; 8-3, minuto 39, María Moreno (p. p.).

Árbitros: Menéndez Nistal // Vilas López. Por Burela amarela a Bea Mateos (minuto 10). Por Zaragoza amarela para Rapha (minuto 27).

Incidencias: Partido correspondente á xornada 6 de Primeira División Feminina disputado en Vista Alegre, a porta pechada, como inauguración da Tarde Laranxa, que contou coa presenza do director técnico do CNFS da RFEF, José Venancio López Hierro, e do vicepresidente da RFGF, Pablo Prieto.

BROCHE COA VISITA DO JAÉN

A Tarde Laranxa en Vista Alegre poñerá o broche coa xornada 11 de Primeira Masculina ás 20.30 e a visita de Jaén Paraíso Interior.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here