A parella formada polo piloto ruso Nikolay Gryazin e Konstantin Aleksandrov resultou gañadora da segunda edición do Rally Mariña Lucense, que se disputou este sábado entre os municipios de Viveiro -onde estivo a base do campionato-, O Vicedo, Xove e Cervo -onde se disputaron os tres tramos cronometrados, a tripla pasada-. Con todo, o protagonismo foi compartido con Víctor Senra; acompañado polo copiloto David Vázquez, o de Dumbría fíxose co título Galego da especialidade por cuarta vez, impoñéndose a Alberto Meira e José Murado.
Os gañadores, a bordo dun Volkswagen Polo R5 de Sports Racing Technologies, impuxéronse cun tempo de 59:29.282, con 56 segundos e 464 centésimas de diferenza sobre Senra e Vázquez (Skoda Fabia R5 Evo Yacar Racing), que gañaran as dúas probas anteriores e controlaron a carreira sabedores de que de non impoñerse calquera dos seus rivais polo título Galego terían o campionato no peto. Alberto Meira e José Murado (Citroën DS3 R5 Recalvi Team) obtiveron a terceira praza cun tempo de 1:00:53.924. Iago Caamaño Figueira / Alberto Rodríguez (Volkswagen Polo R5 Lalín Deza), campións da anterior edición, foron cuartos. Podes consultar os resultados completos nesta ligazón.
ÉXITO DE PÚBLICO
O II Rally da Mariña, organizado pola escudería Mix Rally Sports coa colaboración dos gobernos locais e o financiamento da Deputación de Lugo, foi novamente un éxito de público, con centenares de afeccionados que se achegaron ao percorrido para poder desfrutar dun deporte con moitos seareiros.
Muy complicados los tramos del Rally Mariña Lucense@nikolay_gryazin
📹 Jose Luis Miguez Crespo pic.twitter.com/8lWKEvMzG1— D10M (@_D10M_) December 12, 2020
TRASLADADA AO HOSPITAL UNHA COPILOTO, ANDREA LAMAS
Dous participantes no Rally da Mariña resultaron feridos tras saírse da estrada co seu vehículo que se encaixou contra unhas árbores.
O suceso rexistrouse minutos antes das 18.00 horas na LU-P-6402, ao paso por Negradas. A consecuencia do golpe, a copiloto –Andrea Lamas– quedou atrapada no interior do coche, polo que foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Viveiro.
Unha vez estabilizada, a participante foi evacuada ao Hospital da Mariña polos equipos sanitarios asociados a esta proba deportiva e presentaba dor nas costas e no tórax.
En canto ao piloto, Adrián Díaz, recibiu asistencia no mesmo lugar do sinistro sen a necesidade de acudir ao centro hospitalario, segundo a información trasladada polo 112.