O Pescados Rubén Burela FSF solventou a domicilio un encontro complicado na pista da gran revelación do campionato, o Melilla Sport Capital Torreblanca (1-2). As discípulas de Julio Delgado e máis Lucas arrebátanlle ao seu rival o liderado do grupo B de Primeira División.
Con grandes sensacións chegará o Burela á final four da Copa da Raíña (Málaga, 18-20 de decembro). O Pescados Rubén FSF chega ao ecuador da competición con 19 puntos e poderá reafirmar a primeira praza, poñendo o broche definitivo a esta primeira volta o día 27 (12.00 horas), coa visita de Intersala Promesas a Vista Alegre, recuperando a xornada 2.
POSIBLE LESIÓN DE PEQUE
As Guerreiras puxeron o dominio e o perigo e as locais, a defensa e o contragolpe, nun encontro de ritmo trepidante. A porteira xogadora decidiu o resultado, co empate das galegas na continuación e iniciativa nun erro de pase melillense con esa mesma aposta. Coa importante vitoria baixo o brazo, agora a preocupación está en Peque, que tivo que retirarse da pista por molestias nunha coxa, á espera das probas pertinentes.
TEMPERÁ VANTAXE DAS LOCAIS
O Melilla conseguiu adiantarse á contra no minuto 5, cun pase de Lydia a Emily, pegada ao segundo pau. Jozi estivera moi atenta segundos antes precisamente ante a mesma xogadora. A Ale de Paz fóiselle alta trala recuperación de Peque; avisaron Dany e Cilene e pouco despois volveu a de Neda para estrelar o esférico contra o pau, asistida por Dany. Sobre o ecuador, Sara estivo moi acertada para manter a renda en dúas ocasións mariñás. A meta local gañou no man a man con Dany tras unha gran chegada pola banda e volveu frear as arremetidas galegas nun disparo afastado de Cami. Rozou o segundo, acto seguido, o Melilla, cun pase longo a Emily, que se lle foi desviado. Bia e Thais puxeron o perigo nos últimos segundos, pero o tempo de descanso chegou co axustado 1-0.
UNHA ACCIÓN MAXISTRAL CO XOGO DE CINCO EQUILIBROU O ENCONTRO
Apostou o conxunto de Julio Delgado por porteira xogadora no minuto 24 cunha presión asfixiante. Unha perfecta diagonal de Cilene a Lara Balseiro serviu para devolver as táboas para as galegas, no 25. Bia a punto estivo de volver adiantar o Melilla pero o disparo fóiselle demasiado cruzado (minuto 28). Antes de chegar á medianía do segundo acto, o técnico local, o vello coñecido do fútbol sala galego Marcio Santos, tamén optou por xogo de cinco e, con todo, a recompensa foi para Burela, cun autogol de Thais, nun erro de pase na súa propia área. Tras a anulación dun gol irregular para as locais de portería a portería, na recta final, Jozi salvou ás Guerreiras en dúas prodixiosas intervencións, cunha escuadra moi sólida en defensa que soubo como manter a salvo os tres puntos, provocando a primeira derrota melillense.
FICHA TÉCNICA
Melilla Sport Capital Torreblanca: Sara, Emily, Lydia, Bia, Thais, cinco inicial; tamén xogaron Fernanda, Julia, Maldonado.
Pescados Rubén Burela FSF: Jozi Oliveira, Cristina, Peque, Cami, M. Cortés, cinco inicial; tamén xogaron Dany, Cilene, Ale de Paz, Bea Mateos, Lara Balseiro, Elena Aragón.
Goles: 1-0, minuto 5, Emily; 1-1, minuto 25, Lara Balseiro; 1-2, minuto 30, Thais (p. p.).
Árbitros: Ortega Prado // Zoher Mimon. Por Burela amarela para Leti (minuto 14), Peque (minuto 16), Ale de Paz (minuto 40).
Incidencias: Partido correspondente á xornada 9 de Primeira División Feminina disputado no Javier Imbroda de Melilla.