O Pescados Rubén Burela FSF clasificouse para a fase final da Copa Galicia, torneo do que é o actual subcampión, logo de resolver con claridade (8-1) o seu envite ante o Valdetires Ferrol.
O equipo ferrolán, líder do grupo primeiro da Segunda División e no que milita a ex xogadora do Burela FSF Lidia Mesías, non foi quen de conter ao cadro local.
As burelesas cobraron axiña vantaxe no marcador por medio de Tais Alves, que marcou o 1-0 no minuto 3.
Acto seguido, Dany anotou o segundo e Cris fixo no minuto 8 o 3-0, que puña as cousas costa arriba para as visitantes. Con ese resultado chegou o descanso.
SEGUNDO TEMPO
Á volta dos vestiarios, Peque e Dany marcaron no mesmo minuto, o 22, o cuarto e o quinto tanto, que sentenciaron o encontro. Cris, Jenny e Lara completaron a goleada para as locais, mentres que Sara anotou a única diana das visitantes.
Tras gañar os dous encontros da fase de grupos -tamén derrotou ao Frisober (1-7)-, o equipo que adestran Julio Delgado e Lucas xogará así a fase final da décimo terceira edición do torneo.
OUTROS RESULTADOS
Nos outros grupos, Viaxes Amarelle e Poio Pescamar, vixente campión, empataron (4-4). Decidirá quen se mete nas semifinais o último encontro entre as coruñesas e A Fervenza, que non ten posibilidade de clasificarse. O cadro pontevedrés gañou ao ferrolán por 6-2.
O Ourense Envialia solventou o seu primeiro encontro da fase de grupos, contra o Cidade de Pontevedra (0-9), e de gañar ao Bembrive estará entre os catro mellores.
No grupo 2, Cidade das Burgas, O Fisgón e Leis Pontevedra loitan por outro billete para a fase final.
PARTIDO BENÉFICO
O Pescados Rubén Burela donará a recadación do encontro á protectora de animais local, Bigotes.
Asistiron ao encontro unhas 500 persoas, que tamén colaboraron coa asociación coa achega de penso ou area para gatos.