O consistorio de Burela acolleu este mediodía a presentación da Supercopa de España que reunirá mañá o Pescados Rubén Burela FS e Poio Pescamar FSF en Vista Alegre, a partir das 12.00 horas, con emisión en directo por Teledeporte, e un aforamento de 200 persoas nas bancadas ‘laranxas’.
No acto de presentación desta mañá participaron o alcalde de Burela, Alfredo Llano, o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, o presidente do Comité Galego de Fútbol Sala, Pablo Prieto, o delegado de Deportes da Deputación, Efrén Castro, o xefe provincial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, o presidente do Burela Pescados Rubén, Manuel Blanco, e as responsables de Muller e Igualdade, Noelia María Ben, e Servizos Sociais, Carmela López, e dos concelleiros do BNG Mario Pillado, Dori González e Silvino Oroza.
AS LOCALIDADES, Á VENDA DESDE PRIMEIRA HORA
A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) comunicou hoxe que mañá ás 9.00 horas se porán a venda 200 entradas para ver o encontro, que poderá seguirse en directo a través da canle pública Teledeporte (12.00 horas). As localidades poranse á venda na billeteira do pavillón a partires das nove da mañá ao prezo de cinco euros no fondo e de oito euros nas gradas laterais.
SEGUIRANSE TODOS OS PROTOCOLOS ANTI-COVID-19
Desde o Concello, Llano e Fernández Rey indicaron que “se seguirán todos os protocolos marcados polas autoridades sanitarias por mor da pandemia da covid-19”. Ambos remarcaron “a repercusión a nivel nacional que ten este evento deportivo. É moi importante para a imaxe do noso pobo. Supón un orgullo poder contar con este tipo de citas porque nos dan unha proxección que non poderíamos conseguir de ningunha outra maneira”, remarcaron.
Llano agradeceu a confianza da RFEF para escoller unha vez máis a Burela como sede e o apoio da Deputación, así como a “seriedade e rigorosidade do club laranxa nesta traxectoria do fútbol sala de elite”, ademais de incidir na visibilidade de Burela e de toda a comarca, como centro de todas as miradas a través das cámaras de Teledeporte.
RECOÑECEMENTO AO PESCADOS RUBÉN E Á VILA POLA SÚA APOSTA POLO FÚTBOL SALA FEMININO
Pola súa banda, Castro afirmou que “desde a Vicepresidencia da Deputación apoiamos desde o primeiro momento a proposta do Burela FS de organizar a final da Supercopa polo que ten de recoñecemento ao traballo do club e sobre todo ao deporte feminino”, explicou o deputado de Deportes, que loubou a exitosa traxectoria das xogadoras laranxas e a aposta do club mariñao pola profesionalización do equipo feminino cun convenio colectivo pioneiro no deporte estatal.
Castro tamén sinalou o potencial que este tipo de eventos teñen de cara “a promoción económica e turística de Burela e da Mariña pola atención mediática que reciben”. A Deputación colabora con 10.000 euros para a celebración do torneo a través dun contrato de patrocinio coa Real Federación Española de Fútbol. Será a cuarta ocasión na que o pavillón de Vista Alegre sexa escenario dunha final estatal, despois de acoller nos últimos anos tres finais da Copa de España e unha da Copa da Raíña.
💪🏻 ¡¡Nos vemos en Galicia!!
⭐️ La Diputación de Lugo (@depulugo) y el Concello de Burela apoyan la Supercopa de España Femenina de Fútbol Sala.#SupercopaFutSalFem
🔗 https://t.co/Jv0FIisRhs pic.twitter.com/28H1dn9sSU
— RFEF (@rfef) January 8, 2021
O Burela FS opta a revalidar a Supercopa e pechar a temporada 2019-2020 cos tres títulos estatais xa que as guerreiras laranxas contan xa coa Liga e coa Copa. Precisamente, a final reedita o encontro que Burela FS e Poio Pescamar xogaron o pasado 20 de decembro pola Copa da Raíña. De gañar, as burelás sumarían a terceira Supercopa ao seu palmarés.
O DERBI GALEGO REEDITARÁ A FINAL DA COPA DA RAÍÑA
Prieto destacou o gran momento que vive o fútbol sala na comunidade: “Será unha festa do fútbol sala nacional e sobre todo do fútbol sala galego. É unha honra que volva repetirse unha final galega, como xa ocorreu en Copa da Raíña, con dous equipos que defenden dous magníficos proxectos”, valorou.
O desexo foi unánime para que a cita de mañá volva ser un verdadeiro éxito e todo un espectáculo para a afección.
CLASIFICADAS PARA CUARTOS DA COMPETICIÓN COPEIRA
As burelistas salvaron esta tarde o primeiro obstáculo da III Copa de S. M. A Raíña, en oitavos de final, impoñéndose 2-5 sobre o Ence Marín Futsal, de Segunda. Cilene, Cristina, Camila (2) e Ale de Paz anotaron os goles das discípulas de Julio Delgado e máis Lucas.