O Pescados Rubén Burela FS volveu de baleiro dunha das pistas máis complicadas da Primeira División, a do Jimbee Cartagena (7-4). O partido rompeu na segunda metade tras un primeiro acto igualado (2-1), cun equilibrio que se prolongou ata a media hora de xogo (3-2). O equipo mariñao suma así 1 punto dos últimos 15 posibles en Liga, aínda que sobre a pista do Palacio dos Deportes deixou unha boa imaxe.
Raúl converteuse no baluarte do cadro local ante o bo inicio dos discípulos de Juanma Marrube, que tiveron ocasións por medio de Pazos, no minuto 2, e de Matamoros, en contragolpe. Dúas novas oportunidades do conxunto laranxa, para Iago Míguez e Quintela, obrigaron ao técnico do Jimbee, Duda, a pedir tempo morto, a fin de frear a posta en escena dos da Mariña.
Adiantouse con todo o Burela FS, no minuto 7, grazas a unha xogada individual de Álex Diz. O 0-1 abreu o partido e Bebe soltou un latigazo que equilibrou o marcador segundos despois.
O Cartagena meteuse no partido e apareceron os porteiros. Edu, ante Lucão e Waltinho. Raúl aliouse co pau para frear a Renato no 11. O gardameta local foi tamén decisivo en ataque conectando con Solano para o 2-1, un minuto despois.
A figura de Raúl agrandouse aínda máis ao desartellar o empate fronte a Álex Diz, no 17 a pase de Javi Rodríguez, e no 18 con David Pazos nun contraataque de Renato.
SEGUNDO ACTO
Á volta dos vestiarios, Quintela tívoa de cabeza, pero respondeu con máis puntería de novo o Jimbee, ampliando a renda no minuto 24, grazas a unha xogada de estratexia executada por Bebe e Marinovic.
Reaccionou con orgullo o Burela FS, que antes da media hora reduciu diferenzas cun mísil de Renato, pero o Jimbee encarrilou o encontro con dous goles en apenas un minuto, o 30, ambos de Waltinho.
Iago Míguez achegou aos seus no luminoso culminando un centro de Giasson para o 5-3, pero Raúl mantivo a vantaxe para o Jimbee -con intervencións ante o propio Iago, Pazos e Lucho– e nos últimos minutos a coraxe do cadro burelao non abondou para puntuar.
FICHA TÉCNICA
Jimbee Cartagena FS: Raúl, Avellino, Franklin, Lucão, Solano, cinco inicial; tamén xogaron Bebe, Mellado, Andresito, Marinovic, Waltinho, Jesús, Fran Fernández.
Pescados Rubén Burela FS: Edu, Matamoros, Renato, Giasson, David Pazos, cinco inicial; tamén xogaron Quintela, Lucho, Iago Míguez, Álex Diz, Javi Rodríguez.
Goles: 0-1, minuto 7, Álex Diz; 1-1, minuto 7, Bebe; 2-1, minuto 12, Solano; 3-1, minuto 24, Marinovic; 3-2, minuto 29, Renato; 4-2, minuto 30, Waltinho; 5-2, minuto 5-3, minuto 31, Iago Míguez; 6-4, minuto 34, Avellino; 7-3, minuto 36, Solano; 7-4, minuto 38, Giasson.
Árbitros: Blas Alonso // Romero Candela. Por Cartagena amarela para Marinovic. Por Burela amarela para Matamoros, Iago Míguez.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 18 de Primeira División Masculina disputado no Palacio dos Deportes de Cartaxena.
REGRESO DA LIGA
Tralo descanso ligueiro da próxima semana, con calendario de seleccións, o Pescados Rubén Burela FS volverá á competición o sábado 6 de febreiro, coa visita de Córdoba Patrimonio de la Humanidad a Vista Alegre (18.30 horas).