Tomás de Aquino Rivera Amorós, Sito Rivera, tomará as rendas do Pescados Rubén Burela FS, segundo concretou o propio club a través dun comunicado de prensa. A entidade destituíu nos últimos días ao xa adestrador do primeiro equipo masculino, o alfocego Juanma Marrube.
O técnico catalán (Mataró, 1956), cunha ampla traxectoria internacional á fronte de seleccións como Romanía, Hungría, Italia, Libia e Kuwait, incorporarase á disciplina laranxa o vindeiro luns, despois de pechar os últimos compromisos co seu actual equipo, Manresa FS.
Con experiencia nos históricos españois Polaris Cartagena e Martorell, Rivera adestrou tamén ao nipón Bardral Urayasu, aos italianos Napoli e Luparense e ao Sporting de París.
Segundo precisa o Pescados Rubén Burela FS, “os camiños de Sito Rivera e da entidade laranxa xa coincidiron en 2011 coa participación do técnico no Campus Mixto da entidade; tamén formou parte do profesorado do clínic do Memorial Heroes do Orzán de Imdecum en 2013″.
ALFONSO MERA DIRIXIRÁ O EQUIPO O SÁBADO EN ZARAGOZA
A entidade mariñá agradece “todas as facilidades mostradas polo Manresa FS para pechar o acordo”. O conxunto laranxa viaxará a Zaragoza mañá, para disputar a xornada 22 o sábado (17.00 horas, Aragón TV/TVG2), con Alfonso Mera á fronte.