O Pescados Rubén Burela FSF completou unha xornada redonda para os seus intereses, ao aproveitar o tropezo do Atlético Futsi Navalcarnero -que empatou (2-2) en Móstoles– e gañar (3-0) a un Penya Esplugues que chegou terceiro a Vista Alegre.
Así, as discípulas de Julio Delgado e máis Lucas suman 21 puntos de 21 posibles e cobran un botín de catro puntos sobre o segundo clasificado, o Futsi.
O cadro catalán, que ofreceu unha boa imaxe, conserva a terceira praza e queda a cinco tantos das burelesas.
o cadro laranxa só coñece a vitoria e sumou todos os puntos en disputa ata agora, 21
DOUS PAUS ANTES DO 1-0
A defensa en zona do Penya Esplugues puxo en dificultades ao Burela FSF durante os primeiros minutos do encontro.
O cadro local avisou por primeira vez no minuto 8, cun córner que sacou Cilene e que Lara rematou de volea ao pau. Pouco despois, Cris atopouse de novo co poste.
As dúas ocasións foron o preludio do 1-0, obra de Cris no minuto 11 tras recibir de Dany, a quen Cilene habilitou cun excelente pase que desfixo a defensa visitante.
DO POSIBLE 1-1 AO 2-0
O conxunto catalán tivo o empate nas botas de Pilar, que non soubo resolver ante Ana Romero, rápida para desbaratar o perigo.
Do posible 1-1 pasouse ao 2-0, que Dany anotou no minuto 13. Case de inmediato, Peque rematou alto nunha ocasión que puido supoñer a sentenza.
SEGUNDA METADE
Na segunda metade houbo menos incidencias nas áreas. O Esplugues tentou inquietar a un Burela FSF que estivo sólido.
No minuto 30, a expedición visitante pediu penalti por un suposto derrubo de Dany a Riscos cando a xogadora do equipo branquivermello preparábase para disparar na área ante Romero.
O 3-0 definitivo chegou nun córner. A visitante Cèlia introduciu o balón con mala fortuna na súa propia portería.
ALCOA
Os obreiros de Alcoa en San Cibrao mostraron no inicio do encontro unha pancarta para esixir á empresa que retire o ERE de extinción plantexado para Avilés e A Coruña.
VINDEIRA XORNADA
O cadro burelés desprazarase na vindeira fin de semana á pista do Poio Pescamar, no que será unha revancha da pasada final da Copa Galicia, que gañaron as pontevedresas.
O Poio está situado nunha enganosa sétima praza, pois ten dous partidos menos ca o resto dos equipos da zona alta.
De gañalos -contra Sala Zaragoza e Femisport, rivais da parte baixa da táboa-, o cadro pontevedrés ascendería á segunda praza.