O Concello de Ribadeo solicitou 175.000 euros á Xunta de Galicia e outros tantos á Deputación de Lugo para solventar as carencias do campo de fútbol Pepe Barrera.
O goberno municipal chegou a un acordo coas dúas entidades usuarias destas instalacións deportivas, o Ribadeo FC e a SD Ribadeo, e encargou unha memoria valorada para a mellora do campo.
MEMORIA VALORADA
O proxecto, que inclúe a substitución do firme por outro novo, novo céspede e alumeado, e novos sistemas de drenaxe e rego, require dun orzamento de 400.000 euros. O Concello comprométese a achegar 50.000.
O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, lembra que o campo ten un “céspede pésimo” e que padece problemas “de drenaxe, dun chan colmatado que non está ben, hai un desnivel que non é axeitado. En épocas de auga, é habitual que se suspendan partidos”, resalta.
O rexedor agarda que as administracións autonómica e provincial colaboren co Concello, “que nin debe gastar este diñeiro nin o ten”. Así, insta á Xunta á que invista no deporte municipal, “o que leva sen facer desde 2006”.
“ESCASA MARXE” DE TEMPO
Suárez Barcia agarda un compromiso “nos próximos días”, xa que, subliña, “temos un longo trámite e escasa marxe”.
A intención do goberno local é asinar os convenios económicos antes de final de ano, para poder licitalos a principios de 2019 e adxudicar as obras o antes posible de cara a comezalas en xuño, sen interromper o curso da tempada.
Suárez Barcia afirma que se as administracións “non cumpren, estaranlle a fallar ao fútbol de Ribadeo, desde a base aos veteranos”.