O pivote Lucas Miguel Pereira da Silva, máis coñecido como Eto’o, vén de causar baixa no Pescados Rubén Burela FS, segundo confirmou a propia entidade deportiva da Mariña Lucense nun comunicado de prensa. O brasileiro, que defendía o 16 do cadro laranxa dende o mercado de inverno 2019-20, “non puido completar os trámites burocráticos necesarios para regresar do seu país e reincorporarse á dinámica do equipo debido aos problemas derivados da pandemia“, asegura o club.
“Dende o club, agradecemos a dedicación de Eto’o ao longo destes meses e desexámolle sorte na súa prometedora carreira”, finaliza o Pescados Rubén.
O pivote de Catende, de 25 anos, participou en oito partidos da presente tempada, anotando un gol e recibindo un cartón amarelo.
Tras derrotar ao Levante (3-1), o conxunto laranxa xógase este mércores unha final pola permanencia ante o Córdoba (19.30 horas, Vista Alegre), en partido aprazado.