Cami, pouco despois desperdiciou, o empate tamén en estratexia, pero Ale de Paz soubo como selalo a falta dun minuto e medio para o descanso, nun disparo cruzado case sen ángulo, desde asistencia de Peque. Abriu a veda Leti Cortés na continuación, tocando in extremis o disparo cruzado de Cami (minuto 22). Parecía que tomaba impuslo o ataque local e o Ourense non fallou na súa gran oportunidade, de penalti, para recuperar a igualdade, con Laura Uña.
O duelo irmandiño conseguiu converterse nun monólogo laranxa. Judiht conseguiu frear a parede entre Peque e Dany, pero a pivote hispano-brasileira volveu facer acto de presenza para servirlla a Luísa Mayara (25) e foi a 12 a que lle devolveu o favor á 3 no 27 para subir o 4-2. Viviu entón un gran minuto o conxunto de Julio Delgado, ampliando ata o 6-2 con Lara Balseiro, asistida de novo pola omnipresente Dany, e Bea Mateos recuperando en pista visitante.
Outra antiga laranxa, Jenny Lores, conseguiu reducir levemente, con saque desde a banda, pero foi tan só un espellismo. Peque, no 31, avisou nun man a man con Vane para protagonizar un dobrete, no 31 e 33, cun disparo cruzado primeiro e máis tarde nunha xenialidade fronte á meta ourensá. Con 8-3, as ocasións sobre a rede visitantes eran unha tormenta incontrolable, co noveno nas zapatillas de Luísa Mayara, grazas ao control, paciencia e espera da pivote hispano-brasileira. Laura Uña en recuperación maquillou a brecha, sen influír no perigo burelista. O décimo, sen subir ao marcador, superou a liña de meta coa bucina final.