O Pescados Rubén Burela FSF segue intratable na Liga Foro 16 Feminismo. O cadro burelés gañou en Poio (2-4) no derbi galego da oitava xornada e suma oito triunfos noutros tantos partidos.
Presumíase un partido complicado para as discípulas de Julio Delgado e Lucas ante o vixente campión da Copa Galicia, con xogadoras internacionais como Silvia Aguete ou Ceci.
Así foi: as pontevedresas adiantáronse ata dúas veces no marcador. Fixérono no minuto 13, por medio de Ceci, e xusto despois do descanso, grazas a Ale de Paz, despois de que Cilene equilibrase o encontro.
O cadro burelés respondeu axiña, nun par de minutos, ao segundo golpe das locais co 2-2, obra de Dany.
Logo de dez minutos de equilibrio, as visitantes desnivelaron a balanza por medio de Peque, que culminou unha xogada con Dany. Acto seguido, Alves certificou a vitoria ao aproveitar un dobre penalti.
O Poio Pescamar tentouno nos últimos minutos con xogo de cinco, sen éxito. O cadro burelés sumou unha nova vitoria e responde de novo a domicilio nunha pista complicada, tal e como o fixera semanas atrás no feudo do campión, o Jimbée Roldán.
VINDEIRA XORNADA
Na vindeira fin de semana, o Pescados Rubén FSF recibirá ao Majadahonda, décimo primeiro con dez puntos.