-Como se formou o equipo feminino de Pescados Rubén?
O primeiro equipo nace en Foz por mediación dun amigo que tiñamos en común algunha xente da directiva, Alfredo Veiga e máis eu. El falou con Alfredo e logo entre o 2004 e o 2005 xuntando un grupo de rapazas coas que se formou o equipo para xogar en Foz, o Foz FSF. A calidade das xogadoras foi fundamental para o ascenso e cando chegamos á Primeira División foi cando nos trasladamos a Burela.
-Por que ese traslado a Burela?
Porque había máis xente e daquela había unha concelleira de Deportes que nos animou a trasladarnos. Iso foi unha grande motivación para decidirnos ao traslado. Tamén sabiamos que o fútbol sala en Burela tiña máis público que en Foz.
cando chegamos á Primeira División foi cando nos trasladamos a Burela
-Se lle pedise explicarme o segredo do éxito do equipo feminino, como o faría?
É todo unha suma de elementos. Tamén debo dicir que houbo unha aposta moi forte polo equipo feminino por parte do noso patrocinador Pescados Rubén. Desde ese momento foron chegando xogadoras dunha grande calidade e desde logo o traballo da xunta directiva que está realizando un labor no clube que non sae moito nos medios, por iso digo que hai xente traballando moi duro para sacar adiante este proxecto.
-Cal foi o motivo detrás da elección da cor laranxa para o uniforme?
Agora mesmo non lembro ben, aínda que para min foi o que máis me gustou. Así, ata o día de hoxe, segue sendo a cor do equipo tanto feminino e masculino.
houbo unha aposta moi forte polo equipo feminino por parte do noso patrocinador Pescados Rubén
-Entre os socios de honra teñen a Ronaldinho e a Fran, o ciclista Óscar Pereiro, o xornalista Terio Carrera e o ex-seleccionador nacional de fútbol sala José Venancio López. Podería dicirse que o Burela FSF está marcando un camiño nesta disciplina.
Ano tras ano, este clube está medrando dentro do deporte feminino, sendo agora mesmo o mellor equipo feminino de fútbol sala a nivel nacional o Burela Pescados Rubén, que non só fai coñecida internacionalmente a Burela ou á Mariña senón tamén á provincia de Lugo en lugares como Brasil, Portugal ou Rusia. Grazas ás RRSS esta localidade, a comarca e a provincia son coñecidas grazas ao fútbol sala.
-Existe unha maior aposta pola canteira ou pola incorporación de xogadoras e xogadores de fóra?
Iso depende das categorías. Nas categorías bases hai máis nenos que nenas, iso fai que no equipo masculino haxa cinco ou máis da canteira. Dentro do feminino hai menos porque o fútbol sala feminino por aquí non ten moito recoñecemento. Alén diso, grazas aos éxitos das nosas xogadoras esperamos que as nenas se vexa reflectidas nas nosas xogadoras e que se adestran e traballan poidan chegar a ser xogadoras. Ademais diso, os estudos universitarios tamén supoñen un atranco para o adestramento e os desprazamentos desde as cidades universitarios.
-Cre que se pode cumprir o feito de nenas verse reflectidas nas actuais xogadoras e que logo pasen a ser parte do equipo?
Penso que si, cunha grande dose de traballo e sacrificio, que son os valores do deporte, si poden chegar lonxe. Se se quere chegar ao máis alto debes coidarte e levar unha vida sá.
este clube está medrando dentro do deporte feminino, sendo agora mesmo o mellor equipo feminino de fútbol sala
-Que lle aporta Burela ao equipo e ao revés?
O dito, que en moitos lugares coñezan a contorna polo fútbol sala. O ano pasado fomos a un programa de TV de audiencia nacional e había xente que non sabía que lugo tiña mar. A Mariña é un dos lugares máis valorados e quen vén de primeira vez, volve.
-Dentro da formación do equipo, como se seleccionan dentro da canteira os xogadores que formarán parte do primeiro equipo?
Primeiro, nas categorías inferiores van demostrando as súas capacidades, sobre todo que o gocen. Logo de cara as categorías superiores tés que loitar polo teu posto, como calquera deporte, mais sabendo que coidándote e loitando podes chegar ao primeiro equipo.
-Dentro dos equipos a nivel español cal sería o rival para o equipo feminino?
Co paso do tempo cada vez o nivel profesional de xogadores, adestradores e equipos técnicos é máis parello. Así por tanto debemos estar ao 100%. Isto é o mesmo que en todos os deportes, as cousas vanse equilibrando. Con todo, ninguén regala nada, os equipos de fóra cada día te estudan máis e ti a eles, claro.