InicioDeportesFrancisco Sánchez: "Mentres eu sexa presidente manterei o nome orixinal de Xove-Lago"

Francisco Sánchez: “Mentres eu sexa presidente manterei o nome orixinal de Xove-Lago”

Ás veces os títulos non son abondo para crear unha mística arredor dun equipo de fútbol, ás veces pode chegar co nome. Iso lle pasa á Unión Deportiva Xove-Lago, cuxo nome sempre deu un aquel de curiosidade, de "por que se chama así?". As anéctodas de xovenses fóra do seu concello que cando din de onde son o primeiro en responderlles "ah, onde o Xove-Lago", son centos. Quizais non estea no mellor dos seus momentos, pero para o seu presidente, Francisco Sánchez, o nome xa dá por el mesmo, todo o peso que debera ter este equipo.

Publicada o

- Advertisement -

-Dicir que es de Xove en moitas partes de Galicia é ter por resposta “Xove-Lago”. Cantas veces che teñen preguntado pola orixe do nome e a súa historia?

Si que é un nome co seu aquel de rechamante, mais é o nome posto desde a súa fundación. Houbo ocasións onde se comentou o de retirar “Lago” do nome. Aínda así, e mentres eu sexa o presidente manterei o nome orixinal. A formación primixenia era o Lago Deportivo en 1974 porque se xogaba no campo de Beltrán na parroquia de Lago. En 1978 pasou a ser Unión Deportiva Xove-Lago porque pasou a ser o equipo do Concello.

-Actualmente o número de socios e socias reflicte un seguemento importante da afección?

A realidade é que o fútbol afeccionado, de base, está perdendo peso. Descoñezo cales son as razóns, moitas veces botámoslle a culpa ao fútbol profesional e así a xente prefire ver o partido na TV nun bar. Gustaríame ver un maior número de socios, é certo, mais hoxe en día non chegamos aos números esperados. Insisto, para min isto é en xeral en todo o fútbol afeccionado, non só do Xove-Lago.

-Como presidente do clube, cales son as aspiracións que te marcaches para o teu mandato?

Son moi partidario do fútbol base. Cando xa estaba na directiva, aínda non era presidente, tiñamos todas as categorías, iso era un orgullo para calquera directivo. Mais cando o xogador xuvenil pasa á categoría senior é máis complicado de configurar un plantel entre outras cousas, pois porque se van estudar fóra. Así e todo, procuramos apostamos por xente da zona tentando ter un equipo máis próximo. O desexo que teño é asentármonos nesta categoría e xuntar o maior número de xogadores de base posible.

-A maioría dos xogadores son de Xove ou de concellos de arredor?

Son un conxunto formado con xente de Xove, Viveiro, Cervo, Burela e tamén algún de Foz, e tamén por cuestións laborais temos algún asturiano e xente que vén da zona de Ortegal.

Gustaríame ver un maior número de socios, é certo, mais hoxe en día non chegamos aos números esperados

-A xente maior non ten agora o mesmo ímpeto para animar aos nenos a xogar nas categorías inferiores?

Antes, de rapaz, había só fútbol. Hoxe en día hai moitas máis actividades e un rapaz acaba escollendo o máis entretido para el. Ademais, nun núcleo de poboación pequeno como é Xove situado entre Viveiro e Burela, fáisenos difícil completar a base, por tanto o Xove-Lago ten que facer o dobre ou triple de esforzo para manter a base.

-O actual campo marcou un referente dentro do que son as infraestruturas deportivas na comarca. Cres que segue mantendo ese prestixio dentro do fútbol base?

Si, Xove é un concello cunhas excelentes infraestruturas para manter un equipo futbolístico. Hoxe temos tres campos, dous de herba natural e un de artificial. Mesmo este punto podería ser unha maneira de animar á xente nova a formar parte do clube. Ao final todo se move por compañeiros de clase, un vai para unha actividade e un grupo vai detrás del, o mesmo pasa con este deporte. Mais volvendo ao campo, podo dicir que o mesmo é moi recoñecido en calidade tanto polos nosos xogadores como os doutros equipos, sobre todo pola calidade da herva.

O desexo que teño é asentármonos nesta categoría e xuntar o maior número de xogadores de base posible

-Gustaríavos ver ampliadas as instalacións acutais?

As instalacións son de propiedade municipal e podo dicir que están ben atendidas e coidadas. Segundo aumentan as partidas orzamentarias así se van incorporando melloras.

-De cara ao futuro, pensastes en facer algunha campaña para animar aos máis pequenos a entraren nas categorías inferiores?

No seu día xa tiveramos un campus e estamos pensando en formalo mais de iniciación por categorías, por idades para animar á xente nova a formar parte do clube. Á parte temos case a mellor oferta que podemos ter na Mariña, un monitor de fútbol base que mesmo estivo en primeira división como é Quico Rey, unha persoa cuns coñecementos inmellorables. Despois temos unhas cotas máis asequibles que outros clubes veciños.

-E facer un chamado á afección para volver ao campo animar o equipo?

Si, tamén, aínda que iso vai por épocas. Cando o equipo estivo en categorías superiores a afección estaba máis pendente. Quizais iso move ás persoas a vir ou non ao campo. Por tanto, si, gustaríame animar á xente para que veña, pois o apoio dos socios e da afección é indiscutible.

-E o chamado para atraer novos xogadores?

Non estamos en categorías altas e aínda así o nome Xove-Lago, supoño que pola súa historia e tamén as instalacións deportivas, anima bastante para traer novos deportistas. Por outra parte, cando contratas ao adestrador, quen ten o seu salario, tamén fai as veces de director deportivo, alguén que ten os seus xogadores e logo os xogadores xa instalados no clube ou que traes desde as categorías inferiores.

-Custa manter un equipo como este?

Como afeccionado non caes na conta mais cando estás dentro, o tempo libre que invistes é moito. Cada directivo dedica moito tempo para manter o conxunto na categoría, xa non digamos se queres subir. Logo están os custes de material, desprazamentos, arbitraxes ou balóns. Con todo, é de agradecer a aportación de socios e patrocinadores.

gustaríame animar á xente para que veña, pois o apoio dos socios e da afección é indiscutible

-O Concello tamén aporta a súa parte.

O Concello ten a súa subvención municipal, non obstante, ten as súas características. Ao mellor desde fóra podes ver que o Concello achega 20.000 euros e ti pensas que é unha boa cantidade. A realidade é que ese diñeiro débese xustificar punto por punto, cada euro que gastes. Cobres os custes até a cifra que el marca.

-Consideras suficiente a aportación municipal?

Si, véxoa suficiente. Aínda así, cada día observan con máis coidado os gastos. Iso para clubes grandes non me parece estraño, mais para clubes como o noso, que tiras de coñecidos para tarefas administrativas, as condicións cada vez son máis grandes para acceder ese diñeiro.

Cada directivo dedica moito tempo para manter o conxunto na categoría, xa non digamos se queres subir

-Obxectivos para esta tempada e para a que vén.

Nesta iniciamos un sistema de competición diferente por culpa da pandemia. É un sistema curto nunha primeira fase e logo poder pasar a unha segunda con equipos do sur de lugo. Despois queremos ter a permanencia. É complicado por causa do sistema. Para a tempada que vén todo depende do acontecido este ano e tamén das incorporacións desde a canteira.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...