O Pescados Rubén Burela FS aproveitou o tropezo do Betis contra o Noia Portus Apostoli (4-4) e comanda a Segunda División tras derrotar ao Itea Córdoba cun tanto de Matamoros a un minuto da bucina (3-2).
O equipo que prepara Juanma Marrube mantense invicto -o único da competición- tras doce xornadas, con oito vitorias e catro empates. Os bureleses quitan un tanto ao Manzanares, dous ao Betis e catro ao Mengíbar.
O canteirán Pitero demostrou de novo o seu olfato goleador e converteu o seu sexto tanto da tempada no minuto 10. O burelés pelexou un balón dividido e definiu para adiantar aos seus no marcador.
A vantaxe e maila ledicia durarían só dous minutos, pois o Córdoba deu réplica de contado grazas a David Leal.
Lucho anotou o 2-1 a falta dun minuto e medio para o descanso e premiou a insistencia dun Burela FS que tivera oportunidades claras nas botas de Renato ou Vargas, e que puido acadar o 3-1 por medio de Juanfran.
A ocasión máis clara dos visitantes foi no inicio do encontro, por medio de Lolo Jarque.
No segundo tempo, sen que variase demasiado o devir do duelo, o Córdoba atopouse co 2-2 no minuto 29, obra de Koseki.
O gol do empate foi un golpe duro para o cadro local, que ata entón dominaba o encontro con certa comodidade, e Renato evitou o 2-3 tres minutos despois.
O Burela FS soubo repoñerse para pelexar o triunfo no treito final do encontro. Atopouse en varias ocasións co acerto do gardameta visitante, Cristian, pero tivo recompensa no minuto 39, cando Matamoros aproveitou un rexeitamento a un disparo de Pope.
DERBI GALEGO NA 13ª XORNADA
O Pescados Rubén FS desprazarase o vindeiro sábado (17.00 horas, Municipal) a Noia para disputar un novo derbi galego na Segunda División.
Con Dani Colorado e o ex do Burela Christian Chao como estandartes, con nove e sete goles respectivamente, o cadro noiés transita pola zona baixa, con doce puntos. Sen embargo, vén de rabuñar un punto na pista dun dos grandes favoritos ao ascenso, o Betis.