-Cales son as características que reúne a praia de Esteiro para practicar o surf e para ter unha escola nese lugar?
Diferenciamos dúas épocas do ano, outono-inverno e primavera-verán e en Esteiro é nesta última tempada cando se practiva surf maioritariamente. A praia recolle moita ondada e en inverno as ondas son moi grandes, non serven ademais de que entra unha cuestión de ventos nesa ecuación. Nós denominamos Esteiro praia de primavera-verán por ser un lugar a mar aberto. Xunto con Lóngara en San Cosme e Esteiro no Barqueiro, son as tres praias que máis ondadas recollen. Iso é polo que nós desenvolvemos a nosa actividade, por esas características de ondada.
-As ondas grandes non son o atractivo para a práctica do surf?
Para practicantes de surf medio-alto si, mais de cara ás persoas que veñen até a nosa escola, xente que non practicou surf ou non practicou moito, buscamos que sexan ondas pequenas. Isto faise para controlar o medio e así teñen unha aprendizaxe segura e divertida. Outra cousa son as persoas que levamos anos practicando este deporte, somos quen buscamos as ondas no inverno. Esa é a diferenza entre escola e nivel medio-avanzado.
-Que impresión teñen as persoas que veñen por primeira vez a esta zona e ven este mar moito máis bravo, máis aberto?
O primeiro que din moitas veces é iso de “que ben se está aquí”, non vai a calor que fai en Madrid ou nas cidades e cando se achegan ao mar quedan sorprendidos pola ondada, polo vento que vén do mar e o espazo.
na nosa escola buscamos que sexan ondas pequenas para controlar o medio e así teñen unha aprendizaxe segura e divertida
-Como chegaches a ser profesor de surf?
No seu momento fomos os primeiros en comezar a facer surf cando tiñamos 14 anos e faciámolo practicando en solitario. As primeiras táboas coas que practicabamos vendímosllas a outros rapaces e estes comezaron a practicar e así pouco a pouco. Costou arrincar durante uns anos, mais cando nós tiñamos dezasete ou dezaoito anos, viaxando, encotramos na estrada de San Román un australiano cunha furgoneta avariada. Este australiano acabou mercando dúas casas por aquí e acabamos sendo socios durante varios anos, pois os dous abrimos a primeira escola en 2004, a Escola de Esteiro. O desenvolvemento desta escola fíxose en paralelo ás escolas noutras partes de Europa. Imos cumprir vinte anos para o ano que vén desde o noso comezo entre Kelly, o socio australiano e máis eu. Ao final el quedou en Australia logo de cinco anos por aquí, pois tiña dúas fillas pequenas e agora que van chegando á maioría de idade, ao mellor o animamos que volva.
-Cales son os pasos que seguides para formar unha persoa no surf?
O primeiro de todo, buscamos que a persoa o pase ben entrando no mar co seu traxe e coa súa táboa. Eu sempre digo, poñerse de pé sobre a táboa é unha cuestión técnica que todos conseguen aprender, máis tarde ou máis cedo. O noso obxectivo é que o pasen ben, pois para nós un verdadeiro surfista é quen recoñece as mareas, a ondada ou os ventos e iso leva tempo. Mais insisto, nós buscamos que a xente o pase ben e saia cun sorrixo. Se ocorre iso, obxectivo cumprido e se despois continúa, darémoslle toda a información necesaria para ser coñecedor do medio.
-Cando se abriu a primeira escola cal foi a percepción da xente ante esta iniciativa?
Eu tería dezaoito anos cando nos coñecimos, era a súa primeira volta ao mundo. Logo el volveu para Australia ao seu traballo. Logo cando tiña 25 anos el estaba facendo a súa segunda volta ao mundo, aí foi cando lle dixen que viñese para acó e así montarmos a escola. De primeiras a xente miraba máis con curiosidade que outra cousa. Agora xa hai competicións e mesmo os nenos practican surf. Ao principio si había pouca xente que se animara logo co paso do tempo si apareceron máis persoas con interese en aprender.
cando nós tiñamos dezasete ou dezaoito anos, viaxando, encotramos na estrada de San Román un australiano cunha furgoneta avariada, acabamos sendo socios durante varios anos
-A xente tiña medo no comezo?
Ás veces preguntaban “iso non é perigoso?”, a ver, é unha praia con ondada, significa que hai unha serie de correntes. Iso é o que lle aprendemos aos pequenos, a interpretar as correntes e por que se crean.
-Aprendédeslle a esta xente que quere surfear o respecto ao mar?
Temos unha característica como escola. Nunca traballamos a parte de competción, porque aprendín surf doutra maneira. Sempre tentei transmitir a parte de conexión coa natureza, co mar, viaxar, coñecer persoas e outros lugares. Para nós é importante transmitir o respecto ao mar, á natureza, o importante que é coidar o mar e o entorno onde nos estamos divertimos. O pouco que podo transmitir fágoo.
-Como describirías o nivel do surf practicado na Mariña?
Temos un bo nivel, equiparable ao resto de Galicia e pola ondada que se dá aquí, estamos experimentando as ondas máis grandes. Non Illa Pancha, iso é outro tema. A xente de aquí ten moito coñecemento do mar e da marusía que pode haber entre tres e dez ao ano. Son as que buscamos, as ondas do inverno, momentos clave que debes aproveitar para coller esas ondas. O coñecemento do mar é o que permite recoñecer o movemento do mar. Por iso podo dicir que hai moi bos surfistas na Mariña.
De primeiras a xente miraba máis con curiosidade que outra cousa. Agora xa hai competicións e mesmo os nenos practican surf
-O teu consello para aprender ou comezar no surf?
Os primeiros pasos acompañados nunha escola para adaptarse ao medio e explicacións sobre material e movementos. Logo se é o mesmo aprenderlle a unha persoa de 14 anos e outra de 50, si e non. Explicareilles a mesma teoría, logo observas que con catorce anos hai máis enerxía e un adulto xa lle podes explicar as cousas doutra maneira. Con todo, eu tento adaptarme segundo as características de cada un.