Ribadeo poderá presumir dun renovado campo de fútbol na Devesa. As obras para melloralo comezarán na segunda quincena de setembro, despois da sinatura do convenio por parte da Área de Deportes da Deputación de Lugo e do Concello de Ribadeo, que financian esta actuación cun investimento de 50.000 euros.
O convenio foi asinado polo deputado provincial responsable de Deportes, Efrén Castro, e polo alcalde ribadense, Fernando Súarez, que no pasado mes de maio visitaron esta instalación deportiva xunto ao concelleiro de Deportes, Jorge Díaz; os edís de Economía e Obras, Pablo Vizoso e Mónica Freire, así como directivos da SD Ribadeo, do Ribadeo FC e dos Veteranos do Ribadeo FC.
Mónica Freire, edil de Obras e alcaldesa en funcións, destacou que este é un proxecto que dende o Concello quixeron redactar para mellorar as carencias deste campo, “porque foi feito fai anos, está moi desnivelado e ten tamén problemas de dureza”. “Unha vez que rematen estas obras e que o campo estea operativo, porase a disposición das tentidades deportivas Ribadeo FC, SD Ribadeo e Veteranos”.
Ata o campo de adestramento da Devesa se desprazaron esta mañá Mónica Freire e os concelleiros de Cultura e Medio Rural, Pilar Otero e Marcos Villamil.