InicioDeportesA I Carreira Popular Alfoz-O Valadouro, un grande paso de irmandade entre...

A I Carreira Popular Alfoz-O Valadouro, un grande paso de irmandade entre os dous concellos

Os concellos de Alfoz e O Valadouro crean unha carreira popular que será a primeira deste tipo nestas terras. Este é por tanto, un dos primeiros pasos en que o deporte irmandará dous espazos xa de por si unidos polo mesmo Val.

Publicada o

- Advertisement -

Os concelleiros de deportes de Alfoz, César Marrube e do Valadouro, Eliseo Teijeiro, coinciden en que non saben de probas deportivas anteriores que percorresen os dous concellos como un único espazo. Así, o 9 de outubro de 2022 a I Carreia Popular Alfoz-O Valadouro será como un inicio para dar pé a futuras competicións celebradas en común entre ambos concellos. Mais antes diso, será bo observar como transcorre a competición da que os concelleiros Marrube e Teijeiro esperan sacar boas experiencias tanto para participantes como para os seus respectivos municipios.

A IDEA

O concelleiro César Marrube describe o nacemento da Carreira Popular Alfoz-O Valadouro a partir “dunha conversa que tivemos Eliseo e máis eu, ambos os dous concelleiros de Deporte e amigos, pois pensamos que sería moi bo facer algo entre os dous concellos”. Pola súa parte, o mesmo Eliseo Teijeiro sinala que “non lembro ningún tipo de competición realizada entre ambos consistorios”.

Partindo desta base, a idea foi tomando forma tras presentar a proposta aos respectivos gobernos locais. Desta maneira “como non tiñamos experiencia sobre este punto, levounos un ano organizar a documentación e outros temas, mais cada quen aportou o seu gran de area”, sinala Marrube.

Cada edición alternará o seu inicio entre as dúas entidades. Así en 2022 Alfoz será punto de saída e O Valadouro, a meta. En 2023 será en sentido inverso e así sucesivamente. “Isto falámolo entre as dúas partes e chegamos a este acordo”.

A pesar do reto que era levar adiante esta carreira ambos os dous concellos contaron con asesoramento e apoio desde a Delegación da Xunta na Provincia de Lugo, en concreto da área de Deportes que dirixe Manuel Otero. “Otero estivo sempre implicado co deporte na Mariña e iso fixo que se involucrase co desenvolvemento da competición” di Teijeiro. “Desde logo que ofreceu o seu apoio e puidemos recibir aporte económico para sacar adiante este proxecto” sinala Marrube.

Ademais dos apoios institucionais, ambos os dous concelleiros tamén contaron co asesoramento de Manuel Eiras, da organización do “Run Foz Run”. “Traballou con nós desde o primeiro día para organizar toda a carreira aportando ideas e solucións” di Eliseo Teijeiro que ve confirmadas as súas palabras por César Marrube: “Axudounos coa creación do percorrido para que puidese participar o maior número de persoas posible, sen tramos moi longos”.

PERCORRIDO E CATEGORÍAS

O trazado deste primeiro ano partirá do Castelo de Castrodouro en Alfoz para finalizar no Pavillón Deportivo do Valadouro. En total serán cinco quilómetros, unha distancia considerada apta para a maioría dos e das participantes. O tramo escollido tenta evitar terreos elevados e chans con dificultades.

Partindo do Castelo farase un percorrido pola beira do río Ouro para ir a Lande e desde aí entrar no Valadouro”, describe Marrube. “Baixarase a Vilande cara a Lagoa e despois en dirección a Ferreira”, apunta Teijeiro.

A carreira conta con seis categorías, cada unha coa súa hora de partida:

10:00h Andaina

10:30 Absoluta (2006 e anteriores)

11:15 Pícaros (2015 e anteriores)

11:20 Benxamín (2013-2014)

11:25 Alevín (2011-2012)

11:35 Infantil e Cadetes (2007-2010)

A andaina é un percorrido “para que participe quen queira gozando da paisaxe e non para competir, aínda así hai que anotarse” di Eliseo Teijeiro. “A idea neste primeiro ano é que a carreira non sexa moi longa e termos participantes de diferentes idades e ademais que veñan persoas de fóra de Alfoz e do Valadouro” destaca Marrube.

A categoría onde hai máis corredores apuntados é a absoluta. Sobre a orixe de corredores e corredoras, hai persoas que veñen de fóra dos dous concellos, nomeadamente da provincia de Lugo e tamén de Asturias.

O futuro da competición dependerá en parte de como transcorra este ano e se hai ánimos para o ano que vén. Se o resultado é satisfactorio, poderíase ir incrementando a distancia e, quen sabe, crear unha asociación deportiva supramunicipal que sexa a organizadora do evento. En tal caso, hai que esperar acontecementos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...