O comité de empresa de Alcoa en Cervo valora que se produciu “algún movemento” por parte da multinacional. Con todo, as posturas seguen “bastante distanciadas”, segundo informa.
O presidente do comité, José Antonio Zan, destaca que os representantes dos traballadores queren ver “como se concreta” este movemento na próxima reunión, que será o venres ou o luns.
“De momento as posturas aínda seguen bastante distanciadas e sobre todo nun punto que é o que falta ver que solución lle damos”, resalta. De momento, segundo constata, “haberá que esperar”.
As dúas partes levan semanas en negociacións en relación coa actualización do acordo polo que se parou a produción na Mariña, co compromiso dunha serie de investimentos e o rearranque en 2024.