InicioEconomíaOnce iniciativas do Ministerio aprobadas e 20 da Xunta pendentes sobre enerxía...

Once iniciativas do Ministerio aprobadas e 20 da Xunta pendentes sobre enerxía eólica darían para cubrir o 70 % do consumo anual de Alcoa

O portavoz dos traballadores pide "confianza" ao persoal para proseguir coas negociacións coa multinacional.

Publicada o

- Advertisement -

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, informou ao comité de empresa de Alcoa en Cervo de que “hai 1.100 MW que están xa tramitados ao Ministerio”, correspondentes a 11 proxectos eólicos, mentres que a Xunta ten sobre a mesa outras 20 iniciativas.

No caso dos proxectos de tramitación estatal, un total de 11, seis teñen fito en xaneiro, isto é: esa é a data na que terían que contar con declaración de impacto ambiental (favorable ou desfavorable), posto que, en caso contrario, perderían dereito de acceso e conexión.

Pola súa banda, a vintena de proxectos que estuda a Xunta teñen o seu fito o próximo 24 de xaneiro. Por iso, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, pediu a Conde unha nova reunión a partir do día 25, para ver cales se aproban e poder entrevistarse tamén co presidente galego, Alfonso Rueda.

Segundo os cálculos a que se referiu Zan, os 1.100 MW que dependen do Executivo central “xa chegan a cubrir un 40 %” do consumo anual de Alcoa.

“O resto do que se está tramitando máis outras PPA que nos veu a dicir (Conde) que se poderían asinar a posteriori porque ía haber moitos MW no mercado poderían chegar a roldar por encima do 70 % con tranquilidade”, apuntou.

Isto, segundo valorou o presidente do comité, “é positivo se se chegan a cumprir as expectativas”.

Doutra banda, sobre as negociacións coa multinacional para actualizar o acordo polo que se paralizou a produción na Mariña, pediu “confianza” ao persoal e lembrou que as conversacións se centran na viabilidade da factoría e “as garantías laborais que poidan ter os traballadores das dúas plantas”.

“Estamos a tentar chegar ao máximo posible”, remarcou, sen poder entrar no detalle dunha negociación que probablemente se retomará o luns.

A XUNTA

Pola súa banda, Conde, en declaracións aos xornalistas tras a reunión, indicou que trasladou o seu apoio aos traballadores nestas negociacións.

Sobre as necesidades da fábrica, insistiu en que é preciso un prezo eléctrico competitivo e por iso a Xunta “segue traballando para que a través das diferentes renovables poida haber ese prezo”.

Ao mesmo tempo, interpelou ao Goberno central para que adopte “medidas e modificacións” dentro do estatuto de electrointensivos, coa vista posta en que Alcoa “poida competir en igualdade de condicións con outros países”.

Respecto diso, incidiu en que Europa “está a permitir a través das diferentes poxas e co estatuto que haxa garantía de prezo eléctrico competitivo”.

Por último, en canto aos investimentos comprometidos, constatou que a empresa “ten que cumprir” e instouna a aproveitar a “oportunidade” dos fondos europeos coa presentación de proxectos a través do ‘PERTE’ de descarbonización.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...