O comité de empresa de Alcoa sinala que a empresa “non dá nada a cambio” a pesar das negociacións

O comité sinala que existe un acordo "vixente" e subliñou que a multinacional "ten que cumprilo".

Instalacións de Alcoa en San Cibrao. EFE/Eliseo Trigo

As negociacións entre os representantes dos traballadores de Alcoa Cervo e a empresa para actualizar o acordo polo que se parou a actividade na Mariña seguen “aínda moi lonxe” de chegar a acordo, segundo o presidente do comité, José Antonio Zan.

Ao termo dun novo encontro, Zan informou de que unha vez máis as partes non chegaron a ningún acordo e reprochou á multinacional que lles piden que pasen “liña tras liña sen dar nada a cambio”.

Ao comité “aínda” lle faltan “garantías” no relativo ao persoal da fábrica de aluminio e a de alúmina. “A empresa non fai máis que dicir que temos que pasar liñas vermellas, pero eles en pouco ou en nada se están movendo”, recriminou.

Así as cousas, o comité sinala que existe un acordo “vixente” e subliñou que a multinacional “ten que cumprilo”.

Para a semana que vén está previsto que haxa outra reunión “para ver como acaba este serial”, segundo Zan. “Teñen que darnos resposta a un par de temas e veremos”, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here