InicioEconomíaExpomar recibe o apoio de institucións e o sector da pesca na...

Expomar recibe o apoio de institucións e o sector da pesca na súa presentación na Casa de Galicia en Madrid

O obxectivo de Expomar 2023 é igualar e mesmo superar a cifra de negocio xerada por expositores e visitantes profesionais durante a última feira.

Publicada o

A Casa de Galicia en Madrid acolleu este xoves a presentación oficial da próxima Feira Expomar, que se celebrará na nave de redes do porto de Burela do 10 ao 13 de maio. A XIX edición da feira náutico-pesqueira Expomar 2023 presentouse oficialmente este xoves nun acto institucional que tivo lugar na Casa de Galicia en Madrid.
O obxectivo deste evento era aproveitar o marco da feira internacional de turismo Fitur e dar así maior relevancia ao alcance global de Expomar dentro dos sectores da pesca e a industria naval.
No acto interviñeron, ademais do presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano; e do presidente da Casa de Galicia, Juan Serrano; a conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana; a secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; e Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías e patrón maior da Confraría de Pescadores de Burela.
O acto foi conducido polo xerente da Fundación Expomar, José M. González Brais. Entre os asistentes atopábanse diferentes personalidades do sector pesqueiro e político galego e nacional, como Benito Núñez, director xeral da Mariña Mercante; Ignacio Gandarias, director xeral de Ordenación Pesqueira; Isabel Artime, directora xeral de Pesca Sostible; Antón Costa, presidente do Consello Económico e Social de España; Elena Martínez, directora do ISM; Javier Arias, delegado da Xunta de Galicia en Lugo; os senadores César Mogo e Amaya Landín, e os deputados Ana Prieto e Javier Cerqueiro. En representación do padroado da Fundación Expomar e doutras entidades locais tamén asistiron, entre outros, Miguel Neira e Sergio López, de Armadores de Burela e a OPP-7 Porto de Burela; Ramiro Fernández, tenente alcalde do Concello de Burela; Marcelino Luna, presidente da Fundación Indecum; e a actriz burelense Rosalía Quelle.
Ao finalizar a presentación, á que asistiron unhas 100 persoas, celebrouse unha degustación gastronómica de “Peixe de Burela” con produtos pesqueiros da lonxa de Burela, patrocinada pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia en colaboración con Armadores de Burela e a Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela.
As principais frotas do porto de Burela atopábanse representadas nas diferentes receitas elaboradas con pescada do petisco, bonito do norte, cabala, peixe espada e polbo: Empanada de peixe espada con verduritas de produción ecolóxica; Tataki de bonito de burela con sésamo negro; Bocadillo de xarda afumada con escabeche de cítricos; Espetadas de pescada do petisco de Burela á galega; Pescada do petisco de Burela lañada sobre tosta co seu caldo; Cazuelita de faba de Lourenzá con polbo.
A FEIRA EXPOMAR 2023
A próxima edición da feira monográfica náutico-pesqueira Expomar 2023 celebrarase entre o mércores 10 e o sábado 13 de maio de 2023. A feira volverá servir de excelente plataforma comercial para as principais firmas, fabricantes e administracións vinculadas ao sector pesqueiro. O programa de actividades aínda non está pechado, xa que desde a Fundación Expomar séguense buscando novos contidos e actividades paralelas que sumar á tradicional oferta deste certame.
O obxectivo de Expomar 2023 é igualar e mesmo superar a cifra de negocio xerada por expositores e visitantes profesionais durante a última feira, alcanzando as 135 casetas de expositores e máis de 350 marcas de diferentes países representadas. Debido á alta demanda de expositores, a Fundación Expomar aumentará a superficie de exposición da feira en máis de 1.200 metros cadrados con respecto á última edición, superando os 5.000 metros entre o interior da nave de redes e unha carpa anexa no porto de Burela.
De forma paralela á feira seguirán desenvolvéndose unha serie de actividades, como as Xornadas Técnicas ou o Encontro Empresarial, que ofrecen un valor engadido de interese para os profesionais e todas aquelas persoas vinculadas co mundo do mar e a pesca. Tamén se está valorando coa Consellería do Mar da Xunta de Galicia a posibilidade de celebrar, como xa sucedese en 2019, algún acto institucional do sector nas datas ao redor da celebración da feira.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...