Ignacio Expósito: “Cabo Verde está interesado na mellora dos resultados académicos dos seus concidadáns en España”

Ignacio Expósito é un empresario burelés que, xunto con varias persoas interesadas no desenvolvemento da vila e as relacións con Cabo Verde, motivou que se apurasen as ganas de establecer lazos económicos e sociais co país insular.

Porto de Burela. AXM

 

-En que consiste este proxecto de plataforma España-Cabo Verde e que obxectivos quere cumprir?

Esta idea naceu precisamente en Fitur mais antes da pandemia. Nesa ocasión asistimos varios empresarios e tivemos a oportunidade de coñecer o embaixador de Cabo Verde en España. Daquela ocasión estabamos varios empresarios de Burela máis o alcalde e presentámoslle ao embaixador caboverdiano a idea de profundar máis nas relacións co seu país da que en Burela, por exemplo, tiñamos unha comunidade moi importante procedente dese país. Tamén tiñamos contactos con outras comunidades caboverdianas ao longo do país e tamén con empresas interesadas en investir nese país insular, todo a través dunha xestoría. Por tanto, tiñamos tanto intereses empresariais como sociais. Ofrecémoslle de palabra o feito de constituír unha asociación, “Amigos de Cabo Verde”, pareceulle moi interesante, non obstante, coa COVID a idea estivo conxelada durante un tempo. Por iso, este ano un grupo de compañeiros máis eu retomamos o tema. Redactamos un borrador de estatutos que lle presentamos onte ao embaixador e aí puidemos mostrarlle un proxecto multisectorial con cidadáns, institucións sociais e educativas e sector empresarial. Esta unión de sectores facilita acceder a achegas económicas que permitan o desenvolvemento en todos os aspectos, tanto para España como para Cabo Verde, pensando sobre todo na comunidade caboverdiana de Burela. Ese é o obxectivo grazas á implicación de caboverdianos residentes en España, españois e xente desde Cabo Verde.

-Ante isto, cales son as principais achegas que poden saír desde o lado burelés, por exemplo?

Un exemplo é todo canto está desenvolvendo o grupo de Bernardo Penabade coa comunidade caboverdiana, poderiamos facer moito máis conseguíndolle máis financiamento. Mais non só pensemos en Burela, senón en lugares cunha forte presenza de xente procedente de Cabo Verde como pode ser Bembibre que agora mesmo teñen unha exposición en Madrid sobre esa comunidade e a súa relación coa minaría. Tamén está fortalecer as accións sociais como cursos de formación e a mellora en xeral da comunidade de Cabo Verde en España. Tamén se poden crear iniciativas con universidades e institutos, mesmo hai proxectos de crear bolsas deportivas en baloncesto, por exemplo.

Tamén tiñamos contactos con outras comunidades caboverdianas ao longo do país e tamén con empresas interesadas en investir nese país insular, todo a través dunha xestoría

-Desde o lado caboverdiano, cales cre que son os elementos que lles gustaría ver materializados?

Sobre todo, polo que nos trasladou o embaixador, a mellora dos resultados académicos dos seus concidadáns en España. En Burela en particular, a evolución foi moi boa, hai pouco unha estudante caboverdiana con discapacidade auditiva levou un premio educativo, e agora realiza de Xestión Administrativa, superando oito niveis educativos en tres cursos académicos. Aínda así, hai un índice de fracaso superior á media dentro desta comunidade. Superar isto é primordial para eles. Por outra parte, quere que os españois que gustan de Cabo Verde invistan nese país en negocios e mellora social.

Esta unión de sectores facilita acceder a achegas económicas que permitan o desenvolvemento en todos os aspectos, tanto para España como para Cabo Verde, pensando sobre todo na comunidade caboverdiana de Burela.

-Á parte da pesca, cales son os outros campos que pode ofrecer o país insular ao empresariado burelés, por exemplo?

Sobre todo de mantemento de barcos que traballan neses caladoiros. A posición estratéxica do país africano é moi boa para servir de estaleiro para reparación e acondicionamento de buques. Ademais, agora mesmo investir en turismo nese arquipélago ten futuro, cunhas capacidades moi boas mais é un terreo insular coas dificultades que iso ten. Por outra parte, nese país está case todo por facer, quero dicir con isto que o país importa o 90% do que necesita. Dentro dos insumos que importa, moitos deles poderíanse crear alí.

Mais non só pensemos en Burela, senón en lugares cunha forte presenza de xente procedente de Cabo Verde como pode ser Bembibre que agora mesmo teñen unha exposición en Madrid

-Nese sentido habería que falar das persoas que retornen ao país.

Hai tempo, mentres alí se desenvolvía unha campaña electoral, un político caboverdiano falou á comunidade presente aquí para dicirlles que aproveitasen, pois o país necesitaba clases dirixentes e que aproveiten para formarse aquí pensando no futuro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here