O complexo de Alcoa San Cibrao, en Cervo, ampliará a produción da planta de alúmina a partir deste luns, 1 de maio, ata alcanzar as 2.150 toneladas diarias.
Así o comunica o comité de empresa despois de recibir a notificación por parte da dirección da planta. O incremento en 500 toneladas diarias é o que permitirá elevala ata as 2.150 en total, “co que aproximadamente se alcanzará o 50 por cento da produción pico da planta”, destaca a representación dos traballadores.
Este aumento débese, explica o comité, ao envío dun barco de alúmina ao mes á fábrica de aluminio que a multinacional ten en Mosjoen, Noruega. “Hai que ser conscientes do cambiante da situación e o positivo que resulta ser tan flexible como planta na produción. Esperamos que pronto se recupere a produción habitual, pero somos conscientes de que temos que seguir dando pasos firmes, para saír reforzados desta crise”, conclúe o comité de empresa.