InicioEconomíaFran Cajoto: "'A Mariña en Ruta' quere dinamizar o turismo na comarca...

Fran Cajoto: “‘A Mariña en Ruta’ quere dinamizar o turismo na comarca nos meses antes do Nadal”

O 7 de outubro arrinca a cuarta edición de 'A Mariña en Ruta' con visitas e rutas guiadas en torno á cultura e natureza da Mariña Lucense. Este é un proxecto promovido pola Mancomunidade de Concellos coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo.

Publicada o

- Advertisement -

-Cales son as principais novidades que presenta ‘A Mariña en Ruta’ este 2023?

Ampliarase o número de participantes para esta nova edición, tamén incidiremos naqueles aspectos máis positivos que tiveron éxito nas anteriores edicións da ‘Mariña en Ruta’e que levaron unha nota de 9 nas enquisas realizadas. Por tanto, buscamos reafirmar as fórmulas que están dando un servizo turístico, unha maneira diferente de coñecer A Mariña, que é moi apreciada e moi valorada. Axustamos as vistas, ampliamos grupos e facémolo cando máis o necesita a comarca que son os meses de outubro e novembro, pois son os de menor grao de ocupación en servizos hoteleiros e de restauración. Ese é o período en que máis se debe apoiar desde a administración para que a xente veña á Mariña.

-Como se consegue atraer xente de fóra de Galicia para viren á Mariña superando o tópico de “sempre vai mal tempo”?

Si é certo que vén xente de fóra de Galicia, con todo, quizais sexa esta época onde máis turismo de proximidade se apunta a estas rutas, xente de Lugo, do Bierzo ou de Asturias. O que se ofrecen son estadías curtas con rutas máis intensas. Esta é unha novidade e as novidades implican, por exemplo, coñecer en San Martiño a través dos ollos de Caxigueiro un xardín botánico que coas súas explicacións e visión artística abre novas perspectivas. Tamén calquera das demais rutas programadas en outubro, ofrecer unha guía de lugares, lendas e paraxes que constitúan un aliciente.

-Segundo a súa experiencia destes últimos anos, cales son os grandes piares da ‘Mariña en Ruta’ que máis atrae?

O máis resaltado polas persoas que veñen até aquí é o feito de termos praias, mar, montaña, natureza, historia e cultura nun pequeno espazo. Con esa amplitude de programacion pode permitirlle ao turista que non busca unha única experiencia pois ter unha máis completa. Tamén está o trato personalizado e a cercanía dos profesionais do sector favorécenos e provoca esa satisfacción.

-Que se lle demanda aos profesionais implicados neste proxecto?

Particularmente, ademais como é un grupo reducido, trátase de aportar algo novedoso ademais das experiencias propias. Isto que quere dicir? Pois que non veremos unha grande cantidade de cousas en moi pouco tempo. Debemos vir calmos, con tempo, atender ás persoas coa calma e demandas que necesiten. Tamén os e as profesionais implicadas neste proxecto deben ter experiencia en determinados ámbitos. Por exemplo, é máis gratificante visitar as montañas do Xistral cun profesional que coñeza ese lugar que non doutra maneira. A xente demanda esa empatía e iso nace da experiencia. Afortunadamente, temos xente concienciada e moi amante da Mariña.

-A media de idade de quen asiste á ‘Mariña en Ruta’ é algo fixo ou varía?

Non é un perfil de xente moi nova quen fai estas rutas porque é un turismo tranquilo para xente de mediana idade. Moita dela repite facendo diferentes rutas. É xente con curiosidade e gañas de coñecer lugares. Con todo, si, é xente de idade media a que vén.

-Está pensado realizar actividades en paralelo como algunha competición como camiñadas?

Sempre estamos abertos a novas propostas e por tanto non se pode descartar. O que si programamos con moito éxito son as rutas de artesanía, é outra forma de coñecer o patrimonio material e inmaterial dos oficios. Iso tamén transmite coñecementos de oficios como carpinteiros de ribeira, redeiras e outros traballos que tamén contribúe a conservar estes traballos e estes oficios que doutra maneira poderían perderse. Doutra banda, estamos abertos a colaborar e a experimentar con outras perspectivas e tamén con clubes e asociacións. Algo como o encontro de sendeiristas do ano pasado organizado en Foz, algo que tivo impacto na comarca. Necesitamos iniciativas así nesta temporada de baixa ocupación.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...