O comité de empresa de Alcoa San Cibrao reunirase este venres, 13 de outubro, coa Consellería de Industria e o vindeiro luns, 16 de outubro, con representantes da compañía para abordar a parada da fundición na fábrica de Cervo. Segundo informa o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, este mesmo martes recibiron senllas convocatorias para os encontros que foran demandados de urxencia polos representantes dos traballadores.
A reunión da Xunta celebrarase a partir de mediodía deste venres en Compostela. Os traballadores pediron a presenza dos asesores xurídicos do Goberno galego. No tocante ao encontro do luns con representantes de Alcoa, celebrarase en San Cibrao a partir das 13.30 horas. Aquí, demándase a presenza de Álvaro Dourado, que era o presidente de Alcoa España durante a negociación de parada das cubas que se selou nun acordo o 29 de decembro de 2021.
Así mesmo, os traballadores apuntan que seguen á espera de que o Goberno central fixe unha data para un encontro tamén demandado polo mesmo motivo. Paralelamente, o comité de empresa ten prevista unha asemblea xeral de traballadores para o 17 de outubro, martes, co fin de tratar medidas a tomar ante esta situación.
PARADA DA FUNDICIÓN
Alcoa decidiu a paralización da fundición o pasado 2 de outubro. A planta de aluminio esgotou todo o seu inventario e para temporalmente os seus fornos “debido a unha difícil situación de mercado, que inclúe os altos custos de enerxía e falta de pedidos de clientes”, expón a empresa.
A fundición poderá renovar as súas operacións se as condicións do mercado melloran. A fundición da planta de aluminio continuou operando tras as paradas das cubas de electrolise en xaneiro de 2022. Non entanto, a compañía garante que o axuste da produción “non terá ningún impacto no emprego da planta, o seu mantemento, nin nos investimentos previstos”.