O comité de empresa de Alcoa en Cervo e a Xunta coinciden, segundo a parte social, en que a multinacional estadounidense comunicou de forma “bastante lamentable” a parada da fundición. En todo caso, o Goberno galego analizará xuridicamente se esta medida supón incumprir o acordo laboral.
Ambas as partes, representantes dos traballadores e Xunta, coincidiron, segundo informa o presidente do comité, José Antonio Zan, “en que a comunicación por parte de Alcoa como mínimo foi bastante lamentable”, posto que tiveron unha reunión un venres na que dixeron que esperaban ter contratos para a fundición e o luns seguinte parárona, o cal levou, segundo Zan, “a un malestar polas dúas partes con respecto a Alcoa”.
Con respecto á “posible ruptura unilateral do acordo por parte de Alcoa”, o presidente do comité precisa que o que traslada a Xunta de Galicia é que “non ten unha certeza clara” sobre que esta parada na fundición supuxese incumprilo. “Co cal haberá que estudar ben cos avogados que parte si se pode cumprir e que parte non se pode cumprir ou como nos pode afectar e despois trasladarllo aos traballadores para que sexan eles, o día 17 na asemblea, os que o poidan chegar a valorar”, sinalou.
Respecto ao DBR, destacou que “están a traballar moito sobre os informes para poder ter un informe de sanidade viable e o mesmo sucede cos parques enerxéticos, os cales teñen que ter uns termos xurídicos tan perfectos que despois non se poidan denunciar, se pode ser”.
Neste escenario, o comité foi convocado a unha reunión pola planta de alúmina o día 19 ás 15,30 horas en San Cibrao e co Goberno, pola parada de fundición, seguen “á espera de que poña data” para recibir unha valoración do avogado do Estado, xa que xa coñecen a do secretario de Estado de Industria.
XUNTA
Por parte da Xunta, fontes consultadas por Europa Press limitáronse a indicar que os representantes do comité de empresa de Alcoa en Cervo, que se viron co secretario xeral de Industria da Xunta, Nicolás Vázquez, trasladaron que, na súa opinión, “Alcoa está a incumprir o acordo laboral ao apagar a fundición” no complexo de San Cibrao.
Á espera de analizar isto xuridicamente, as fontes da Xunta consultadas por Europa Press subliñan que o Goberno galego “mantén o compromiso global de velar polo mantemento da actividade e do emprego”.
Hai 10 días, a multinacional do aluminio confirmou a parada da produción en fundición, que era o único departamento da planta que seguía activo desde a parada das cubas de electrolisis.