InicioEconomíaJosé Antonio Zan: "A fundición parou por causa do mercado, os clientes...

José Antonio Zan: “A fundición parou por causa do mercado, os clientes paralizaron as encargas”

O anuncio de Alcoa sobre a paralización da área de fundición na factoría de San Cibrao alertou aos e ás traballadoras, até o punto de que horas despois a mesma empresa anunciase que a actividade se retomaría en novembro. Con todo, o comité de empresa reuniuse o pasado venres 20 de outubro onde, por maioría, decidiuse non levar adiante mobilizacións. José Antonio Zan, presidente do comité de empresa, describe o contexto económico e industrial en que vive agora mesmo a produción de aluminio.

Publicada o

- Advertisement -

-O pasado xoves tivestes unha reunión para analizar unha serie de puntos en relación coa actual situación da factoría.

A reunión do xoves foi sobre a planta de alúmina, non trata sobre toda a factoría. O encontro enmárcase no acordo de León onde nós acordabamos unhas condicións determinadas para a planta de aluminio, mais tamén incluiamos uns acordos para a planta de alúmina. Xa levabamos tempo esperando este encontro, pois o punto máis importante é a espera de se a Xunta dá o permiso de ampliación que nos permitiría chegar á cota 104 e Alcoa estaría obrigada a ampliar até a cota 110 nos posteriores seis meses. Isto referido ao depósito mineiro. Isto permitiría alongar a vida da fábrica até o 2035. Esta é unha parte moi importante pois senón habería un peche físico e sería imposible de levantar.

-O depósito mineiro é a balsa de lodos vermellos?

Si, é o lugar onde se depositan os residuos da bauxita logo do proceso de extracción de alúmina. Eses residuos son os lodos vermellos resultantes e a ampliación do depósito ou balsa, permitiría seguir funcionando.

-Sobre o atraso na parte de fundición, cales son os argumentos da empresa para dilatar a posta en marcha?

A área de fundición nunca estivo parada até hai un mes. Nunca pararon esa sección porque nós faciamos metal líquido que logo era trasladado aos fornos. Desde que pararon as cubas de electrolise xa non se fai metal líquido. O traballo dos fornos agora é refundir, deixamos de ser unha fábrica de aluminio primario, que volveremos selo a partir do 1 de xaneiro de 2024 co arranque das 32 primeiras cubas. Por outra parte, a fundición deixou de producir por motivos de mercado, basicamente. Aínda conservamos a carteira de clientes e temos pedidos para o mes de novembro e tamén tiñamos para outubro, mais a última hora eses clientes paralizaron os seus pedimentos.

-Que motivos deron?

O motivo é a situación do mercado tanto a nivel estatal como internacional. Agora mesmo toda a industria está caída. Nós fabricamos dentro do sector primario, logo está o secundario con estrusións e laminación. A fábrica de Alcante, que tamén foi pública no mesmo grupo que a nosa, está agora en ERTE. A fábrica de Amorebieta (Biscaia), que fai laminado, está nunha regulación de quendas e, se isto non mellora, pois por desgraza é posible que deban negociar outro ERTE. A fabricación de aluminio para a construción tamén está nunha situación feble por como está o propio sector da construción e a contorna industrial española que caeu un 28%. O 2023, e sobre todo o segundo semestre, está sendo demoledor. Case todos produciron para ter stock antes da chegada do inverno cando os prezos do gas e da enerxía en xeral aumenten. Foi unha estratexia para aforrar custos de produción durante os meses máis fríos. Así pois, a decisión da empresa foi parar un mes a produción até que houbese pedidos. Tiñamos clientes? Si, mais non podemos obrigalos a mercarnos a nós.

-Isto pode traducirse nun futuro en redución de persoal?

Non, porque nós temos asinado que na planta de aluminio non se poden realizar nin EREs nin ERTEs até o ano 2027. Nós temos uns acordos cuns obxectivos, que en outubro de 2025 teñamos a fábrica traballando ao cen por cen cuns contratos de enerxía que permitan unha vida útil polo menos de dez anos.

-Desde o comité tedes preparados os puntos que lle queredes presentar a Alcoa nas vindeiras reunións?

Alcoa debe sentarse con nós e falar, que exista unha comunicación fluída entre a empresa e os traballadores. Aquí houbo unha falla de comunicación moi grave, xa o dixen así varias veces. Ao final, esa é a potestade dunha empresa que traballa a perdas, pois Alcoa desde 2021 que asinamos o acordo perdeu 400 millóns de euros rexistrados e auditados no Rexistro Mercantil de Madrid. Isto porque o mercado é como é e se traballan a perdas porque asinaron un acordo, están cumprindo con el aínda perdendo diñeiro. Á parte diso, hai un orzamento de 200 millóns para investir na fábrica ademais dunha garantía de postos de traballo para persoal que viron ameazada a súa continuidade co despedimento, e por iso eu digo que o acordo asinado non só é un bo acordo, é único.

-A vindeira reunión con Alcoa cando será?

Será o vindeiro trimestre e esperamos que sexa despois das eleccións sindicais. Estamos en campaña electoral do 12 ao 16 de novembro, por iso algunhas das noticias aparecidas en prensa débense enmarcar máis dentro do carácter político e sindical mais non está dentro da realidade que estamos a vivir.

-Antes mencionou un orzamento de 200 millóns para investir. Son investimentos destinados á renovación tecnolóxica?

Alcoa comprometeuse a uns investimentos moi concretos e puntuais. Por que? Pois porque se nos acollésemos a un cambio tecnolóxico dentro da fábrica, podería ser que todos tivesemos un móbil con nós para poder rexistrarnos e poder movernos. Iso non é o que buscabamos. Alcoa xa trouxo un transformador de última xeración que permitirá o arranque das cubas porque ten un reaxustador de tensión, tamén ten máis potencia que nos pode levar aos 200.000 amperios, algo xa reclamado por nós e que estaba dentro dun proxecto presentado en 2017. Á parte están as mesas de colada e o forno de homoxeneizado que nos permitirá ter máis valor engadido, pois agora mesmo temos mesas de colada de hai case corenta anos e iso acurta a carteira de clientes. Por tanto, as novas mesas poden abrirnos maiores espazos onde vender. Logo quedan as barras de compensación, estarían listas no mes de xuño de 2024. Logo o novo forno de cocción que agora en novembro pasaría a execución.

-Ese é o novo forno para fundición?

Non, ese forno pasa a formar parte da sección de electrodos que en total recibirá un investimento de 109 millóns de euros.

-Volvendo ao tema de fundición, o Goberno central dixo no seu día que estudaría se Alcoa estaba ou non, incumprindo os acordos.

Nós reunímonos co Goberno central e coa Xunta porque cando se fai unha denuncia pública por parte dun sindicato sobre este tema, como presidente do comité de empresa estou obrigado a verificar con todos sentados na mesma mesa, saber se opinan coma min ou como a outra persoa ou co outro sindicato. A conclusión por parte da avogacía do Estado, da avogacía da Xunta e a dos sindicatos din que non se incumpren os acordos. Insisto, a empresa non perdeu clientes, seguen aí; mais foron eles quen paralizaron os pedidos. Isto é o que penso. Sobre a parada, reuníronse con nós (Alcoa) e explicaron que debían estudar por que houbo un fallo na comunicación empresa-comité de empresa. Nós soubemos todo pola prensa que pararan a fundición. O día que realizamos a reunión coa empresa os pedidos dos clientes seguían en pé e o venres pola tarde os pedidos foron anulados polo cliente. O desexable era que a empresa se comunicase co comité.

-Que resultados deu a reunión co Goberno central do día 17 de outubro?

Foi unha reunión onde o comité de empresa agradeceu ao Goberno a realización da mesma, estivo a Xunta e Alcoa, á parte tivemos unha reunión as administracións e o comité. Isto último foi sobre todo en relación a ter coñecemento sobre a posición do avogado do Estado, agora director xeral en Justicia.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...