A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou este venres no Incio que o proxecto de trazado para a reconversión en autovía do corredor Lugo-Monforte “está entregado” e acusou ao Goberno central e provincial de “bloquear a execución” en Viveiro dunha variante da Vía de Alta Capacidade (VAC) Costa Norte.
“A principal razón pola que Viveiro non ten unha variante é o propio Partido Socialista, que leva anos dedicado a bloquear esta actuación desde o Concello e a Deputación”, manifestou Ethel Vázquez, que instou ao candidato do PSdeG á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, a explicar por que o pacto de investidura entre PSOE e BNG non recolle “ningún compromiso sobre a autovía da Mariña”.
“A autovía da Mariña continúa a día de hoxe sen un só quilómetro en servizo, sen un só quilómetro en obras e sen un só quilómetro contratado”, profundou a conselleira, quen tamén indicou que as obras para o desdobramento do corredor Lugo-Monforte disporán dun orzamento de 500.000 euros e unha partida plurianual de 35 millóns en 2024, tendo en conta que o proxecto supere o trámite ambiental.
PREOCUPACIÓN POLA CONSERVACIÓN DA A-6
Ethel Vázquez, que visitou este venres o Centro de Conservación e Vialidade Invernal Lugo Sur, situado no municipio do Incio, mostrou a súa preocupación polo estado de conservación da autovía A-6 e demandou ao Goberno de España a elaboración dun plan integral de conservación da vía, así como un “dispositivo especial e completo” para garantir a vialidad invernal.
Todo iso no marco da presentación do plan de vialidade invernal da Xunta –que se activará o 1 de novembro nas provincias de Lugo e Ourense; e o 15 do mesmo mes en Pontevedra e A Coruña-– para garantir, indicou a conselleira, as condicións de mobilidade e seguridade nas estradas autonómicas “nestes meses de condicións meteorolóxicas adversas”.
O do Incio é un do seis centros de conservación situados na provincia de Lugo –dos 26 con que conta a comunidade– aos que a Xunta de Galicia destinará unha partida orzamentaria en 2024 de 53 millóns de euros, o que representa un incremento, segundo a titular de Mobilidade, dun 8% con respecto ao exercicio anterior.