InicioEconomíaRamón Collazo: "os barcos de madeira reducen a pegada de CO2 un...

Ramón Collazo: “os barcos de madeira reducen a pegada de CO2 un 80% máis ca outros materiais”

As XII Xornadas de carpintaría de ribeira en San Cibrao queren mostrar as vantaxes da madeira na construción de embarcacións para o traballo no mar. Ademais, estas xornadas son unha homenaxe a Francisco Fra, o único carpinteiro de ribeira que queda na Mariña, quen desafortunadamente viu como un incendio levaba por diante un estaleiro de 200 anos de tradición. As posibilidades da madeira, as necesidades de actualizar a lexislación e outros temas, sobre todo de reciclaxe e sustentabilidade, fan da carpintaría de ribeira unha alternativa ao uso de materiais con maior pegada de CO2.

Publicada o

- Advertisement -

-As XII Xornadas sobre carpintaría celébranse en San Cibrao, único lugar da Mariña onde quedaba unha carpintaría deste tipo até comezos de xullo deste mesmo ano.

Desde que constituímos a Asociación Galega de Carpintaría de Ribeira en 2007, Francisco Fra forma parte da mesma e tamén desde aquela falamos moitas veces de celebralas en San Cibrao. Despois do acontecido no verán non quedaba outra e desta maneira celebramos estas xornadas nesta vila, mesmo en nome del para que vexa o noso apoio e estarmos ao seu carón. De feito, para o outro día do incendio no seu estaleiro fun até alí para velo, mais iso non quere dicir nada, con todo celebrar as xornadas en San Cibrao é ben merecido desta vez.

-Hai puntos novidosos que se traten nestas XII Xornadas?

Penso que toca o momento de coller un novo rumbo se queremos recuperar a carpintería de ribeira en Galicia, senón dun día para outro seremos un recordo perdido na noite dos tempos. Debemos facer valer o menor impacto das embarcacións de madeira en canto pegada de carbono, un 80% menor que o resto de materiais. Imos tirar moito sobre tema. Por outra banda, queremos mostar como esta actividade axuda na recuperación de produtos autóctonos e renovables. Tamén insistiremos sobre a actualización do noso regulamento da nosa actividade pois aínda non temos un informe satisfactorio para os nosos obxectivos coa a Dirección Xeral da Mariña Mercante. Os barcos de madeira seguen discriminados en materia de inspección coa obrigatoriedade de revisión anual, mentres os outros materiais teñen unha revisión cada cindo anos e outra intermedia aos dous anos e medio. A revisión anual é un sobrecusto para as embarcacións de madeira que nós non entendemos.

-O medo a desaparecer é moi patente.

Cando comezaron a chegar as subvencións para embarcacións bateeiras, destinaban máis diñeiro para aquelas feitas en poliéster e en aceiro en detrimento da madeira. Isto supoño que se baseaba nun sentido da modernidade mal entendido. As directivas europeas avogan polo uso de materiais máis sustentables. O mellor exemplo está na carpitaría de ribeira que xa non é economía circular senón bioeconomía circular. Tamén abordaremos o feito de que, despois de ser declarada a carpitaría de ribeira interese cultural polas súas técnicas de construción, mais nós nunca quixemos quedar nunha furna de cristal, coma nun museo. Nós sempre quixemos proxectamos como unha alternativa e non deixaremos de insistir para sermos un apéndice dentro da construción naval. Deberiamos darlle unha volta, pois parece incrible que dentro das rías galegas se estea pescando con embarcacións con materiais non sustentables.

-Cales son as innovacións que agora pode aportar a madeira sobre outro tipo de materiais?

Cando antes falaba do regulamento, este documento é de 1958, se non estou errado. En todos estes anos apareceron numerosos materiais e técnicas de construción naval que non están dentro dese regulamento. Que novidades apareceron? Laminados, uso de imprimacións, sistemas de construción con madeira laminada que alixeira o peso da embarcación, á parte, estes elementos dan menor traballo de mantemento nestas embarcacións. O que se fai hoxe non ten relación con hai sesenta anos. Tamén se constrúe con madeira maciza, mais é a última aportación dos carpinteiros de ribeira a estes barcos. Cando se pasou a construír os barcos bateeiros noutros materiais eran réplicas daquilo que nós xa estabamos facendo.

-Que madeiras se están usando hoxe en día para a construción de ribeira?

Un 70% das madeiras que usamos son autóctonas, o 30% restante son madeiras de importación. Para determinadas partes usamos madeiras importadas, as madeiras de aquí, se falamos de madeira maciza, nas cadernas usamos o carballo, usamos o eucalipto moi útil, forramos o barco con piñeiro do país, e noutras zonas onde se combina auga doce e sol usamos elondo, unha madeira tropical.

-Á parte do material, que outras características diminúen esa pegada de carbono?

A madeira absorbe a pegada de CO2 durante toda a súa vida útil e que temos reflectido nunha análise de ciclo de vida, mais que cando finaliza a súa vida útil libera a súa CO2. Iso pode non ser así, poden ir para reciclaxe, usar esa madeira para outro tipo de enerxía. Pensemos que os outros materiais veñen de recursos fósiles non renovables, aínda máis, non existe un sistema que recicle os restos dos barcos de poliéster que se están construíndo. Xa dixen que hai 30 anos as subvencións para barcos de poliéster e aceiro eran maiores que para barcos de madeira, agora estamos igualados, mais foi un camiño polo deserto. Ao final pedimos reservar unha porcentaxe para construír barcos de madeira e para a súa praza de amarre. Ao mellor así o armador pensaba en que material faría o seu barco.

-Falando de armadores, están convidados tanto armadores como outros axentes implicados na pesca?

Si, fixemos chegar o noso convite mesmo ás confrarías. A maioría das carpintarías de ribeira estamos na área da ría de Arousa e na de Muros, e na Mariña a única que queda é a de Francisco Fra, que o nivel de traballo e o acabado dos seus traballos son moi bos, anque é unha carpintaría pequena.

-Existe un mercado do barco de madeira para uso recreativo ou deportivo?

O número de barcos que se poden construír en Galicia con ese destino é moi pequeno, un 10%, a inmensa maioría van para pesqueiros e bateeiros.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...