O comité de Alcoa informa de que “faltan algunhas aprobacións” da Xunta para a luz verde á ampliación ata os 104 metros de altura da balsa de lodos vermellos. Nun comunicado, por mor dunha reunión mantida o pasado martes sobre o seguimento da planta de alúmina, o comité lamenta que “a aprobación se esperaba para xuño deste ano e hai atraso”, aínda que indica que aínda “se ten marxe”, posto que “a data esperada é abril de 2024 como máximo para a súa aprobación”.
Non entanto, valora que se comezou a traballar no proxecto para a seguinte ampliación co fin de “ir adiantando prazos”, ata 110 metros de altura, xa que “se encargou o proxecto para a súa presentación á Xunta en abril do ano 2024”. No tocante ao prezo do gas para 2024, o comité explica que, aínda que se produciu unha baixada, “aínda son superiores aos que había con anterioridade a 2021”.
Respecto da produción, mantense o recorte realizado de forma que se producirán 2.200 toneladas ao día, “aínda que poden subir ou baixar en función das necesidades”. Con todo, hai instrucións de ter o calcinador 2 preparado por “se se desen as condicións de pór a produción a pico”. Alcoa trasladou aos traballadores que baixou a demanda, con “moita competencia” no mercado. As perdas mensuais son “significativamente á situación de produción a pico, pero aínda negativas na conta de resultados”.
Entre outras demandas, o persoal esixe a Alcoa que: recupere as contratacións temporais eliminadas para cubrir baixas por incapacidades temporais, vacantes e xubilacións; que non se presione a traballadores de baixa; que se concedan os días de permiso por convenio; así como que “non se escuden” nos servizos mínimos decretados para a última folga.