InicioEconomíaEfrén Castro: "queremos impulsar o deporte feminino até materializar a igualdade"

Efrén Castro: “queremos impulsar o deporte feminino até materializar a igualdade”

Efrén Castro é o vicepresidente da Deputación de Lugo que abrangue competencias en deportes, medio rural e artesanía. A Vicepresidencia da Deputación é un dos patrocinadores do Pescados Rubén Burela F.S. e como tal, apoia ao clube na organización do Futsal Women´s European Champions en Burela. Un acontecemento que busca oficializar o fútsal feminino o mesmo que a igualdade noutras disciplinas deportivas.

Publicada o

- Advertisement -

-A Vicepresidencia da Deputación de Lugo é un dos promotores do Futsal Women´s European Champions que se celebrará en Burela. Cal é o papel da Vicepresidencia neste campionato europeo?

Nós apoiamos este torneo para resaltar ese camiño cara a igualdade entre homes e mulleres e que mellor momento que a celebración deste Campionato oficioso, non oficial. Desde os clubes e outras instancias están demandando que o campionato pase a ser oficial, e desde o Pescados Rubén Burela con moita forza, por iso nos sumamos a ese chamamento para que as federacións internacionais leven adiante un cambio que é posible de facer. Por outra banda, somos o máximo patrocinador institucional do Pescados Rubén Burela e este clube leva o peso da organización do Futsal Women´s co apoio das institucións, por iso nós estamos aí como patrocinadores do que organice Pescados Rubén Burela.

-Enténdese que a acción da Vicepresidencia da Deputación en canto promoción do deporte de cara á igualdade faino en todas as disciplinas deportivas que pode.

Si, é un traballo que debe afrontar calquera institución se buscamos a igualdade. En concreto no deporte todas as liñas de axudas que outorgamos inclúen unha baremación dos proxectos dirixidos ao deporte feminino. É certo que durante os últimos anos se ten avanzado moitísimo, mesmo temos datos de clubes de baloncesto e voleibol que case chegan ao 50% as fichas de nenos e nenas. Con todo, queda moito camiño por facer, os torneos masculinos son oficiais e a maioría dos femininos son oficiosos. O noso traballo busca seguir impulsando mediante investimentos no deporte e o Pescados Rubén Burela son un bo exemplo. Foi o primeiro clubre de todo o Estado en asinar un convenio laboral coas xogadoras e co medio laboral profesional en 2018. O convenio incluía cláusulas como se unha xogadora queda embarazada nunha tempada ten a renovación automática, todo isto pensando na conciliación que moitas veces é difícil. Na Mariña, como noutras comarcas, hai que seguir avanzando neste aspecto e nós como administración debemos impulsar que saian proxectos así. Por iso digo que na comarca hai un clube que fai moito por isto, tanto polo seu traballo como para servir de espello para as rapazas pois poden ver que poden xogar co mellor equipo do mundo e está alí ao pé. Todo isto forma parte dese camiño cara a igualdade.

-A Vicepresidencia da Deputación tamén ten competencias de desenvolvemento rural. Existen proxectos en marcha de cara a implementar novos proxectos dentro da comarca?

Na Mariña, como noutras comarcas do país, vese nas últimas décadas unha perda moi significativa de emprego, capacidade produtiva en gandeiría e agricultura. A consecuencia máis importante disto é demográfica cunha perda importante de poboación nos concellos do interior da comarca onde máis se traballaba no agro. Nós apoiamos a rendibilidade e a sustentabilidade da produción agrogandeira cunha planificación e ordenación do territorio favorecedora do aproveitamento e da conservación. Nesa liña traballamos con gandeirías, producións agrarias, comunidades de montes, asociacións agrogandeiras e apostamos especialmente pola gandeiría extensiva, no pastoreo, produción e comercialización de produtos de calidade diferenciada como son os das razas autóctonas.

-Búscase tamén propiciar a instalación de xente nova no rural aínda que non traballen directamente no sector primario?

Dentro das competencias que temos, moi limitadas neste ámbito, temos programas como ‘O que non arde’ para apoiar o silvopastoreo mais tamén implica traballar contra os lumes, o que busca é ter un monte máis protexido. Outro proxecto importante é ‘Da escola á granxa’ e o que facemos é levar escolares non só a granxas senón tamén a proxectos rurais e así os máis novos poden ver que hai futuro no rural, que a pesar das dificultades como poden ser as comunicacións poden materializarse proxectos de futuro no ámbito rural e que poden funcionar.

-Tamén a artesanía figura entre as súas competencias. Como define o traballo da Vicepresidencia nesta área?

Máis alá de termos un Museo da Artesanía onde recollemos instrumentos, nós intentamos traballar da man de todos os obradoiros de artesanía para axudalos e darse a coñecer. Así apoiamos campañas de promoción para achegalos á xente e resaltando sempre o diferentes que son os produtos de artesanía. Aí incidimos o valor que ten o produto feito a man e para iso temos algunha colaboración directa porque contratamos a moitos e moitas profesionais para levar obradoiros a diferentes concellos. O 22 de decembro inauguramos un mercado de Nadal na Praza de San Marcos, onde haberá unha presenza importante de firmas da Mariña como son Regal Cerámica, Vidal Revilla e algunhas máis que se darán a coñecer ao público maioritario.

-Conseguen animar a algunhas persoas a ter un futuro profesional na artesanía?

En gran medida é un traballo vocacional e debes sentir esa chamada. No noso país hai unha longa tradición de artesáns e aínda que perdeu profesionais, ao mellor pola incerteza de seren viables economicamente, aínda hai un entramado de mestres e mestras artesás moi importante na nosa provincia. Na Mariña en concreto hai moita tradición dentro da cerámica e tamén dentro da madeira e do coiro.

-Que obxectivos marca a Vicepresidencia para o 2024?

Estamos satisfeitos co traballo realizado nas áreas da Vicepresidencia, mais iso non nos fai ser conformistas. Debemos seguir aprendendo das experiencias e mellorar alí onde poidamos. Seguimos aumentando o Plan Único da Deputación que para 2024 terá un importe de 21.750.000€, ese é o reparto obxectivo que leva fondos a todos os concellos da nosa provincia e como falabamos antes, sobre o deporte é clave seguir empuxando polo deporte feminino para chegarmos ás condicións de igualdade. Sobre medio rural, o deputado Dani García está recén chegado á área de Vicepresidencia e con moita ilusión e con moitos proxectos que se reflectirán nos concellos da Mariña.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...