A estrada N-642 quedou cortada entre Burela e Foz 20 de xaneiro deste 2023 que acaba. As choivas e as correntes de auga crearon unha balsa que erosionou o firme da estrada na zona da Areoura. Isto abriu unha focha obrigando a cortar o tráfico neste traxecto e desvialo por un novo carril.
A lentitude coa que se estaba reparando a estrada provocou máis dunha protesta desde concellos, grupos políticos, entidades sociais e persoas usuarias. Non faltaron tampouco as acusacións sobre a falta de responsabilidade entre partidos de diferente signo e tamén dardos cruzados entre diferentes administracións. “A focha da vergoña” chegou a cualificar o furado de grandes dimensións o político do PP, Xosé Manuel Balseiro.
NECESIDADE DE NOVAS VÍAS
Carmela López, alcaldesa de Burela, rememora “aquela fin de semana en que a Mariña quedou partida en dous”. López tiña claro que este era un punto de inflexión para reclamar outra vez “as vías de comunicación prometidas, a VAC e a A74”. “Este tempo de reparación afectou a Burela porque a principa vía de acceso estaba afectada e dificultaba ás veces o trafico fluído”.
“A N-642 está deseñada para soportar un tráfico diario de 10.000 vehículos e durante o verán a presión é de 15.000 vehículos” di Fran Cajoto, alcalde de Foz. É por iso que coincide coa rexedora burelesa en que “o pozo aberto na estrada nacional cortou a arteria que nos vertebra na Mariña”.
Con todo, as obras parecían ir moi lentas e para moitos o exemplo está en que case se tardou un ano en solucionar o problema e, mentres, as solucións aportadas eran desvíos, algúns abertos case en exclusiva para a circulación de ambulancias.
“Nos últimos meses aceleráronse as obras de reparación logo das xestións de José Ramón Gómez Besteiro” di Cajoto. Porén, hai uns meses atrás, o deputado do BNG Daniel Castro remarcaba: “Estamos en outubro e non hai indicios de que iso se arranxe axiña”.
A falta de vías modernas “sacou todas as vergoñas a relucir” apunta López sobre a carencia de infraestruturas. É por iso que as infraestruturas entre Barreiros e Burela así como San Cibrao a Viveiro “son dous pasos a dar e que nos están lastrando” di Cajoto.
Ambos os dous rexedores esperan que o acontecido sexa unha chamada de atención para axilizar as comunicacións que necesita a comarca e que levan décadas sen materializar.