InicioEconomíaO comité de Alcoa anuncia "ruptura total" por parte da empresa do...

O comité de Alcoa anuncia “ruptura total” por parte da empresa do acordo asinado

"Sempre hai que esixir á empresa, que é o que estamos a facer, que cumpra os seus compromisos e apoiar aos traballadores", expón a conselleira María Jesús Lorenzana.

Publicada o

- Advertisement -

A reunión mantida este mércores entre a representación dos traballadores da fábrica de aluminio de Alcoa, en Cervo e a dirección da multinacional concluíu “sen garantías, datas nin concrecións” e puxo de manifesto, denuncia o Comité de Empresa da factoría, a “ruptura total” por parte da empresa do acordo de viabilidade asinado.

Así o asegurou, en declaracións a Europa Press, o presidente do Comité de Empresa de Alcoa-San Cibrao, José Antonio Zan, minutos despois do encontro celebrado -consistente na lectura dun comunicado por parte de Álvaro Dourado en representación da multinacional– e horas antes de recibir nas instalacións da fábrica á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. “A ruptura por parte de Alcoa é total, non teñen interese tan sequera en gardar as formas. Está claro que hai unha diferenza entre a xente que asinou o acordo e o actual CEO da compañía e a actual dirección”, denunciou Zan.

A pesar de que a construción do forno de cocción -prevista para o pasado 7 de novembro– atópase paralizada e sen data de execución; e que a empresa solicitou aprazar o rearranque das 32 cubas da factoría, contemplado para o 31 de marzo de 2024, o Comité de Empresa insiste en que o acordo pactado debe cumprirse.

“O acordo tense que levar a cabo si ou si. Imos explorar todas as fórmulas posibles pero necesitamos o forno de cocción e necesitamos as cubas funcionando. O alicerce básico dese plan de viabilidade é o forno de cocción”, precisou José Antonio Zan.

“O MOMENTO DAS PROTESTAS PASOU”

A pesar de que a situación actual en termos de viabilidade da fábrica, recoñece Zan, é “moi grave”, o Comité de Empresa confía en que o diálogo con administracións e grupos políticos poida conducir a que Alcoa “cumpra o pactado” sen a necesidade de ter que recorrer ás mobilizacións.

“O momento das protestas e a loita pasámolo e chegamos ao momento no que agora estamos. Agora mesmo temos un acordo que está a ser controlado e avalado polo Goberno e a Xunta. Se temos que saír á rúa, farase, pero o máis importante é que as administracións e as forzas políticas estean no mesmo camiño e busquen a solución para a fábrica sen facer que a cidadanía sufra máis”, explica.

“Despois de catro anos a xente non é que estea cansa, é que ten terror. E hai que darlle un pouco de tranquilidade á cidadanía. Eu non asinei o acordo para non cumprilo. E nós cumprimos”, sostén José Antonio Zan.

AXENDA DE REUNIÓNS

Tras a reunión mantida o luns co portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o martes coa secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, o Comité de Empresa de Alcoa-San Cibrao recibirá este mércores na factoría de Cervo á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, coa idea de seguir traballando de forma “aliñada” para garantir a viabilidade da fábrica e os máis de 500 postos de emprego directos que esta xera.

“O Goberno xa nos corroborou que para eles era esencial esta empresa e seguir producindo aluminio primario. Se todos estamos aliñados e sabemos o que queremos, nós non pedimos que se faga unha intervención, o que pedimos é ter un plan de viabilidade de futuro”, recoñeceu a Europa Press o representante dos traballadores.

A axenda de reunións do Comité de Empresa de Alcoa-San Cibrao, que contempla tamén a visita de representantes de Podemos Galicia –este mércores– e Sumar Galicia –o xoves– concluirá esta semana cun encontro en Madrid co Ministerio de Industria. Unha reunión que José Antonio Zan cualifica como “fundamental”.

“Chegamos á reunión co Ministerio de Industria cun forno de cocción que non se está facendo, cunhas cubas que non queren arrincar, pero con case todas as forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia dicindo o mesmo e apoiando a intervención. A fórmula non importa, o que importa é que se cumpran os acordos asinados”, conclúe Zan.

A CONSELLEIRA RECLAMA “TRANSPARENCIA”

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, esixe “transparencia e concreción” a Alcoa para aclarar o seu plan de futuro para o complexo de San Cibrao, no municipio de Cervo, e “que apoios” necesita por parte da administración.

A preguntas dos medios este mércores en Santiago, a conselleira remarcou que esta tarde se reunirá en San Cibrao co comité de empresas despois do anuncio “preocupante para todos” por parte de Alcoa da súa intención de aprazar sen data o rearranque das cubas. “Temos que ser súper serios coa empresa“, advirte.

“Sempre hai que esixir á empresa, que é o que estamos a facer, que cumpra os seus compromisos e apoiar aos traballadores”, expón Lorenzana. Compromete que se empregarán “con todos os mecanismos legais que ten a Xunta de Galicia” para “ver xuridicamente se se está cumprindo ou non o acordo e os pasos que haxa que dar”, ademais de respaldo “con todos os mecanismos” existente no Instituto de Promoción do Emprego (Igape).

Tamén avoga por “ter unha colaboración total entre os dous gobernos”, en referencia ao Goberno central. A mesa de seguimento de Alcoa celebrarase o venres en Madrid, onde se desprazará a conselleira de Economía. Deixa claro que a prioridade é o emprego, posto que se trata de “mil traballadores e familias vinculadas a todos estes empregos“, polo que pide “deixar á marxe calquera tipo de ocorrencias ou de ideas que non poidan ir a favor do emprego”.

Insiste en que “é moi importante o apoio do Estado”, polo que “é moi importante non desviar a atención do que realmente importa”. Pide que “todas as institucións” e “todos os partidos” estean “aliñados”, así como “non despistar a atención cara a cuestións que non vaian nesta liña”.

Finalmente, Lorenzana indica que tratará co Estado na reunión do venres un “elemento importante” para abaratar custos como son as medidas para as empresas electrointensivas. “Pero non despistar a cuestión de que aquí estamos a defender o emprego e, por tanto, cero ocorrencias porque é unha cuestión moi seria”, afirma.

ENMENDA AOS PGE

Os cinco deputados de Podemos no Congreso, que agora forman parte do Grupo Mixto, planean emendar os Orzamentos Xerais do Estado (PGE) de 2024 –aínda non están presentados– para destinar unha partida á intervención pública da planta de Alcoa San Cibrao, en Cervo (Lugo).

Anunciouno a candidata de Podemos á Presidencia da Xunta, Isabel Faraldo, e o portavoz do partido a nivel estatal, Pablo Fernández, quen este mércores se reuniron co comité de empresa da fábrica despois de que a compañía avanzase o adiamento do rearranque das cubas, previsto para inicios deste ano.

Tras a reunión cos representantes da formación morada, o comité de empresa emitiu un comunicado no que agradece o “apoio e compromiso”, porque “non se pode vivir sempre con esas incertezas” en canto ao futuro da planta e “hai que pór fin e unha solución a este tema”.

O comité recoñece que Podemos non pode comprometer que se acabe aprobando a emenda a eses Orzamentos, pero si destaca que os seus cinco deputados “poden determinar a maioría absoluta” no Congreso.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...