InicioEconomíaUns 350 obreiros de San Cibrao, entre as miles de persoas que...

Uns 350 obreiros de San Cibrao, entre as miles de persoas que piden na Coruña a intervención de Alcoa

Traballadores, partidos políticos e sindicatos aumentan a presión sobre o Goberno a falta de dous días para que expire o período de consultas do ERE

Publicada o

- Advertisement -

Unhas 3.000 persoas segundo a Policía Local, entre eles 350 traballadores de San Cibrao, participaron este domingo nunha manifestación na Coruña na que se pediu ao Goberno central que interveña para manter as plantas de Alcoa na cidade galega e en Avilés.

Un autobús con 50 obreiros saíu da fábrica de Alcoa no municipio de Cervo con destino A Coruña, pero centos de empregados e as súas familias desprazáronse en coches particulares para apoiar aos compañeiros.

O presidente do comité de empresa sancibrense, Xosé Paleo, indica que se repartiron “uns 350 chalecos” amarelos contra o peche das fábricas.

O sindicalista asegura que “foi unha das mobilizacións fóra da Mariña Lucense que máis apoio tivo da xente de San Cibrao”.

“foi unha das mobilizacións fóra da mariña que máis apoio tivo do noso persoal”, di o comité da fábrica cervense

PIDEN AO ESTADO QUE XESTIONE AS PLANTAS

A marcha, convocada contra o ERE de extinción presentado pola multinacional do aluminio contra as dúas plantas, que suporía a perda de 686 empregos -369 na Coruña e 317 en Avilés- partiu desde a Praza da Palloza ata a delegación do Executivo.

Os traballadores piden, a falta de dous días para que expire o período de consultas do ERE, que o Estado xestione as plantas ata conseguir un comprador que retome a actividade. Este luns, ás 11.00 horas, explicarán as súas solicitudes ante o Ministerio de Industria, en Madrid.

O presidente do comité de empresa da Coruña, Juan Carlos López Corbacho, pediu ao Goberno que dea “un paso á fronte. Ten que intervir e queremos saber se a proposta de Alcoa sae do Ministerio, como nos dixo a propia compañía”, aseverou.

PROPOSTAS DE ALCOA

López Corbacho refírese á proposta de manter unha actividade parcial e 200 empregos á espera dun inversor, unha medida que “non soluciona” a situación de aproximadamente 500 traballadores, que serían despedidos.

Alcoa tamén ofreceu reubicar a 50 empregados de Avilés e A Coruña en San Cibrao a costa de ofertar prexubilacións aos obreiros de 57 anos ou máis da factoría cervense, unha proposta que a comisión negociadora tamén rexeitou e que casou malestar en Cervo.

Falan dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) e un ERE posterior que suporía a extinción dos contratos de tres cuartas partes do cadro de persoal, e da demolición do corazón das fábricas”, razonou López Corbacho”. 

O sindicalista espera que a Xunta de Galicia os reciba “para que as pezas se definan no taboleiro” e subliña que “pedimos a continuidade dun sector estratéxico e de futuro, e ímolo acadar”, espuxo.

López Corbacho resaltou que “hai empresas interesadas” en facerse coas fábricas, “pero é a propia Alcoa a que non quere vender”, argumentou.

Obreiros de San Cibrao na manifestación. AXM

UNANIMIDADE EN APELAR AO GOBERNO

O vicepresidente do comité de empresa de Avilés, Daniel Cuartas, da UXT, criticou “o inmobilismo” do Executivo central e instouno a “pasar á acción”.

O secretario xeral de CC OO de Industria de Galicia, Víctor Ledo, afirmou que “se o mércores Alcoa executa o ERE, estarase a rir da clase política deste país”. Paulo Carril, da CIG, esixiu ao Goberno “que se posicione dun xeito claro” ou, asegura, “será tamén culpable” do peche.

O líder de En Marea, Luís Villares, esixiu ao Goberno que preside Pedro Sánchez “que interveña para, primeiro, buscar un inversor, e como medida alternativa, utilizar a Sociedade Española de Participantes Industriais (SEPI) para poñerse na posición do antigo propietario no caso de que este decida non continuar”, resaltou.

EN MAREA, BNG E PP SINALAN AO EXECUTIVO E O PSOE ESIXE Á MULTINACIONAL QUE RECÚE, POIS “RECIBIU CENTOS DE MILLÓNS DE EUROS EN AXUDAS”

A líder do BNG, Ana Pontón, afirmou que “nin Galicia nin A Coruña poden permitirse o luxo de que peche unha factoría coma esta, pois falamos dun sector estratéxico”, e pediu un posicionamento ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. “Que deixe de poñerse de perfil”, esixiu.

Pola súa banda, a candidata á alcaldía da Coruña polo PP, Beatriz Mato, expresou a súa “decepción” pola falta “dunha solución definitiva que unicamente compete ao Goberno central”.

O PSOE PIDE “RESPONSABILIDADE”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, asegurou que pediu ao Goberno que “intensifique a súa actividade para solucionar un conflito no que todos os actores políticos e sociais teñen que ser responsables”.

Alcoa recibiu centos de millóns de euros de apoio público“, indicou Caballero, que pediu “seis meses de ampliación do período de consultas do ERE “para que se manteña non só a parte de fundición senón tamén de electrolise“. Con información da axencia EFE

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...