A Fundación Expomar estuda ampliar a superficie destinada á feira náutico pesqueira do mesmo nome, que se celebrará do 9 ao 12 de maio.
O presidente da fundación, Alfredo Llano, explica que o recinto feiral, cunha superficie de 3.500 metros cadrados, está “case cuberto“.
Así, a organización agarda ampliar “a 4.000 metros o espazo dispoñible, utilizando a área que hai fóra, pero que se pode pechar para dar maior facilidade á xente que queira vir aquí”, espuxo o dirixente.
XORNADAS TÉCNICAS
As xornadas técnicas celebraranse o xoves, día de inauguración da feira, ás 13.30 horas. Por un lado, a organización tratará no encontro “asuntos sociais, aquilo que realmente pode preocupar agora mesmo ao sector”.
a cabala, os descartes ou o brexit trataranse nas xornadas técnicas, o xoves
Por outro, sinalou Llano, tamén se abordará “a xestión pesqueira. Falaremos da cabala, dos descartes ou do Brexit, por exemplo. Imos facer unha reunión inmediatamente para ir contactando coa xente, o día 30. Procuraremos que estean todos os sectores representados”, asegurou.
CONSELLO GALEGO DE PESCA
O venres 10 de maio haberá un encontro empresarial. Ao seu remate, Burela acollerá un pleno do Consello Galego de Pesca, despois da resposta afirmativa por parte da Xunta de Galicia á solicitude da Fundación Expomar.
a xunta atendeu a petición da organización e reunirá a produtores, armadores e patróns maiores en burela
Os plenos do Consello Galego de Pesca supoñen unha xuntanza de decenas de persoas, xa que no organismo participan asociacións de produtores e de armadores e os patróns maiores de todas as confrarías galegas, 63. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, preside a reunión.
Como norma xeral as xuntanzas teñen como sede Santiago de Compostela ou cidades como A Coruña, polo que na Fundación Expomar felicítanse porque os temas importantes para o sector trataranse nunha vila coma Burela.
“Creo que vai ser unha oportunidade moi grande para estar co sector e tratar todo aquilo que poida ser importante. Estamos traballando para que sexa unha boa edición da feira”, concluíu Llano.