EFE. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou o pasado luns que a Xunta de Galicia activará unha plataforma dixital dirixida ás empresas galegas interesadas en solicitar un diagnóstico sobre a situación da compañía ante o Brexit.
Conde considerou que esta iniciativa permitirá ao tecido empresarial galego, principalmente ás pymes, coñecer de xeito personalizado o impacto real que puede chegar a ter o Brexit no seu día a día, para poder anticiparse e adoptar as medidas necesarias “para converter esta situación nunha oportunidade”.
A plataforma podería resultar especialmente de axuda para o sector pesqueiro, dada a incerteza sobre se se poderá faenar a medio e longo prazo nas augas británicas, que inclúen caladoiros tan importantes como Gran Sol, a zona da que procede a meirande parte da pescada do pincho capturada polas embarcacións da Mariña Lucense.
FORO
O foro ‘Galicia ante o Brexit’, organizado conxuntamente polo Igape e o Estado, e ao que tamén asisten representantes da Comisión Europea, da Embaixada de España no Reino Unido e das diferentes empresas e organismos económicos, ten como reto trazar conclusións en común que axuden a actuar fronte á saída dos británicos do grupo europeo.
O conselleiro incidiu na importancia de “marcar unha estratexia conxunta” e asegurou que “a Xunta vixía con cautela os posibles efectos do Brexit sobre a economía galega, para previr consecuencias”, co propósito de que a capacidade das empresas galegas no país anglosaxón “non decaia”.