Que pasaría se pecha o comercio local de Viveiro?

Cen negocios simularán que cerran nunha campaña "chocante" do Centro Comercial Histórico

Porta de Carlos V, entrada ao casco histórico de Viveiro. TURISMO VIVEIRO

Os escaparates dos negocios asociados ao Centro Comercial Histórico de Viveiro amencerán este xoves coas luces apagadas e empapelados, coma se tivesen pechado. É unha das medidas que impulsará a asociación de comerciantes viveirense dentro dunha campaña para reivindicar o comercio local. O empresarios pretenden impulsar unha iniciativa “chocante” e simularán así un pobo sen comercio, servizos nin hostalería.

PARTICIPARÁN MÁIS DE CEN NEGOCIOS

Participarán máis de cen tendas e establecementos, pertencentes a diferentes sectores: textil, alimentación ou hostalería. O obxectivo é mostrar á veciñanza a capacidade do pequeno comercio para crear emprego e dar vida ao municipio, a partir de organizar actividades durante todo o ano ou colaborar coas festas e cos eventos que realizan asociacións e clubs.

a intención é visibilizar a capacidade da pequena empresa para crear emprego e dar vida ao municipio

Os protagonistas pretenden chamar a atención sobre todos os factores que inflúen na viabilidade do comercio local. Así, non só pretenden apelar a quenes compran nas tendas senón tamén aos donos que pretenden alquilar baixos comerciais con prezos elevados.

PREZOS ASEQUIBLES

Ademais, o colectivo quere cuestionar a idea de que mercar no comercio local é máis caro. Resalta que as pequenas empresas fixeron un esforzo por ofrecer un servizo profesional e asequible para persoas con distintas posibilidades en canto ao poder adquisitivo.

A agrupación de empresarios lanzou xa unha campaña anterior para visibilizar a importancia do comercio local. O pasado mes de marzo puxo en marcha ‘30 días 30 motivos‘, que a través dunha serie de carteis publicados nas redes sociais, destacábanse as vantaxes de mercar no pequeno comercio. No último cartel plantexábase a pregunta: ‘Que pasaría se deixasemos morrer o comercio de Viveiro?’. Este novo plan ofrece a resposta: perda de emprego, rúas baleiras e sen vida.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here