A Consellería do Mar, licitou este mércores a través da plataforma de contratos de Galicia as obras de dragaxe no peirao de Celeiro, na canle de acceso ao porto de Viveiro e no interior da dársena das instalacións náutico deportivas, por un investimento de 1.197.715 euros.
O obxectivo do proxecto é, expón a Xunta de Galicia, mellorar a operatividade nestes espazos e a capacidade de manobra dos buques, que se están a ver reducidas debido á sedimentación de materiais.
A dragaxe é unha reivindicación da sociedade viveirense desde 2007, cando se comezou a alertar destes problemas. En febreiro de 2017, o Goberno galego anunciou para finais de 2018 a actuación.
O proxecto licitado por Portos de Galicia prevé unha actuación nun ámbito de máis de 49.900 metros cúbicos. A profundidade do calado estará entre -7 e -8 en Celeiro, entre a cota -2 e -3 no porto deportivo e a -3 na canle de acceso ao porto de Viveiro. A zona do vertido realizarase en alta mar e, os áridos de maior calidade depositaranse na zona oeste da praia de Covas.
PRAZO DE EXECUCIÓN DE SETE MESES
As empresas interesadas na realización desta actuación, cun prazo de execución duns sete meses, poderán presentar as súas ofertas ata o 2 de abril.
O Executivo autonómico resalta que a actividade pesqueira no conxunto dos portos “é unha das principais dentro das dársenas do Cantábrico. Ademais a actividade comercial e deportiva tamén ten certa importancia”, conclúe.