O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, considerou este domingo nun acto na Coruña que as plantas de produción de aluminio de Alcoa na Grela e Avilés está “garantido” trala acción do seu Executivo nos últimos nove meses.
“Garantimos un futuro para Alcoa”, asegurou Sánchez nun acto político no polideportivo San Francisco Javier da cidade herculina.
O presidente do Executivo sacou peito por ser capaz de xestionar o conflito laboral, a ameaza de peche, e destacou medidas de choque tales como a aprobación dun estatuto do consumidor electrointensivo.
O optimismo de Sánchez bateu coa réplica dos traballadores da multinacional do aluminio na Coruña, que -no Día da Clase Obreira Galega- recibiron ao presidente do Goberno con protestas na súa chegada ao recinto.
Durante a súa intervención, escoitáronse os cánticos nos que demandaban solucións concretas e non anuncios.
INCERTEZA
O pasado día 7, os traballadores de Comisións Obreiras (CC OO) nas tres plantas de Alcoa alertaban da incerteza que planea non só sobre as plantas de Avilés e A Coruña senón tamén sobre a de San Cibrao.
O sindicato advertiu de que non tiña novas sobre a aprobación do estatuto para a industria electrointensiva e reiteraba a “necesidade dun marco enerxético estable” para a viabilidade das tres fábricas.