InicioEconomíaXunta, En Marea e BNG presentan as súas alegacións ao estatuto das...

Xunta, En Marea e BNG presentan as súas alegacións ao estatuto das electrointensivas

"Estamos coa cabeza debaixo da auga", din os traballadores de Alcoa San Cibrao, que convidan á veciñanza da Mariña Lucense a apoiar a concentración do 28 de marzo en Madrid

Publicada o

- Advertisement -

Xunta de Galicia, En Marea e BNG presentaron este luns as súas alegacións ao estatuto dos consumidores electrointensivos sometido a información pública polo Goberno desde o pasado luns. Un documento criticado pola multinacional Alcoa, que asegurou que a planta de aluminio que ten en San Cibrao está “en risco” pola falta dun prezo da electricidade “competitivo e estable”.

O Goberno galego trasladou ao Executivo central as alegacións, consensuadas con representantes das empresas electrointensivas galegas.

Xunta e empresariado realizaron catro peticións fundamentais. A primeira delas fai referencia a unha categorización das posibles beneficiarias que diferencia entre tres grupos: empresas electrointensivas, altamente electrointensivas e hiperelectrointensivas.

Tamén demandaron o establecemento de bonificacións polo pago de renovables, especialmente para as empresas cunha maior carga no seu custo enerxético. Ademais, Goberno galego e empresariado demandan “compensacións fiscais”, así como descontos “de até o 90%” no pago das peaxes eléctricas para estas sociedades.

Outra medida está vinculada aos mecanismos de dióxido de carbono, co propósito de que se introduzan as compensacións que habilita a Comisión Europea derivadas das puxas de CO2.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou sobre a planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao que “unha empresa cuxo 40% dos custos de produción son de enerxía, ten que ter uns parámetros precisos do prezo da electricidade. Se Alemaña e Francia poden producir aluminio, nós podemos tamén”, concluíu.

EN MAREA PIDE “REGULAR” O SECTOR

Pola súa banda, En Marea defende “unha regulación do sector que distribúa as cargas e os beneficios entre toda a sociedade, e non só o proveito para as grandes empresas eléctricas e os gravames para os demais”, argumentou o voceiro do partido, Luís Villares.

Pancho Casal, Luís Villares e Javier Arca. AXM

O voceiro de En Marea reclamou tamén unha estabilización e abaratamento de prezos “que dea certeza ás nosas industrias, como Alcoa” e “acabar coas portas xiratorias. Sabemos que unha parte importante do problema é pola presión que exercen os lobbies sobre os partidos”, denunciou.

En Marea tamén propón desenvolver unha convocatoria especial de licenzas de instalación ou repotenciación de parques de enerxía renovable condicionadas á contratación bilateral estable a longo prazo con industrias electrointensivas, grupos pechados de distribución e comercializadoras do mercado doméstico, a un prezo taxado na contorna dos 32 euros por megavatio hora.

Javier Arca, traballador de Alcoa de San Cibrao e número 2 de En Marea ao Congreso dos Deputados por Lugo, asegurou que “a fábrica de San Cibrao non pode sobrevivir na situación actual durante moito tempo. Na Mariña Lucense viven máis de 2.000 familias; é imposible que poida recolocarse a toda esa xente noutros sectores”, indicou.

O BNG SOLICITA “GARANTÍAS DE INVESTIMENTOS”

O BNG reuniuse este luns co comité de empresa sancibrense e na xuntanza expuxo as súas alegacións. A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou que o partido frontista reclamará “un trato diferenciado” para Galicia como gran produtora de enerxía eléctrica.

A dirixente do Bloque lembrou que o País Vasco foi quen de acadar unha rebaixa “de 23 euros o megavatio para as súas empresas”, mentres que, criticou, “a oferta do Goberno socialista é de 4,2 euros por megavatio”.

O BNG tamén lle afea ao PSOE que non ofreza “garantías de que as bonificacións se vexan acompañadas de investimentos e de compromisos do mantemento do emprego”, indicou Pontón.

OS SINDICATOS TAMÉN ALEGARÁN

Estamos coa cabeza debaixo da auga”, sinalou este luns o presidente do comité de empresa da fábrica de Alcoa en San Cibrao, Xosé Paleo (CIG).

O representante dos traballadores argumentou que o estatuto publicado polo Executivo socialista “non chega para ter un prezo da electricidade que se aproxime ao que hai en Francia”, e indicou que contar con esa tarifa “permitiríanos sacar o nariz e a boca de debaixo da auga”.

Paleo confirmou que as alegacións formuladas polos sindicatos presentes no comité da planta de Cervo, a título individual, serán transmitidas “esta mesma semana, e previsiblemente o mércores”. O prazo para realizar modificacións remata o día 27 de marzo.

BUSES PARA A PROTESTA EN MADRID

UXT, CC OO e CSIF fletarán autobuses para todos aqueles veciños da Mariña Lucense que desexen acompañar aos traballadores na concentración prevista para o 28 de marzo no Congreso dos Deputados, convocada polos comités de empresa da Coruña e Avilés.

Convocatoria dos sindicatos para desprazarse a Madrid. AXM

Os sindicatos convocantes insisten na necesidade de “facerse fortes en Madrid” e presionar ao Goberno central para que aprobe un estatuto para a industria electrointensiva que garanta un prezo competitivo, a fin de asegurar a súa permanencia e os postos de traballo.

Os autocares, que sairán de madrugada, realizarán varias paradas na comarca para chegar a Madrid a punto para a concentración, prevista para as 11.00 horas.

“AFECTARÍA Á METADE DA MARIÑA”

O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, estimou este luns que un posible peche da planta de Alcoa en San Cibrao afectaría “á metade” da comarca da Mariña Lucense.

Ademais dos 2.200 empregos directos e indirectos que ofrece o complexo industrial cervense, Villares referiuse “á afectación de servizos, industrias, mesmo as administracións. Máis da metade da Mariña depende da forza de Alcoa e non é esaxerar”, advertiu o rexedor. 

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...