InicioEconomíaCaballero di que San Cibrao mantén "unha estabilidade" e acusa á Xunta...

Caballero di que San Cibrao mantén “unha estabilidade” e acusa á Xunta de “buscar votos” con Alcoa

O líder do PSdeG reuniuse este martes co comité de empresa da fábrica de Cervo

Publicada o

- Advertisement -

EFE. Nunha visita ao complexo industrial de Alcoa en San Cibrao, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, de “utilizar a política industrial como arma electoral e dunha forma incendiaria”.

Caballero reuniuse este martes co comité de empresa da fábrica da multinacional estadounidense en Cervo, acompañado da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, dos rexedores de Burela e Alfoz, Alfredo Llano e Jorge Val, da deputada Patricia Otero e do candidato do PSOE ao Senado por Lugo, César Mogo, ademais de representantes dos socialistas a nivel municipal.

En declaracións aos xornalistas, o secretario xeral do PSdeG afirmou que o Executivo central está “moi comprometido” na procura dunha “solución” para as fábricas que Alcoa pretende pechar na Coruña e Avilés, e sinalou que a fábrica da multinacional en San Cibrao mantén “unha estabilidade” pese “aos riscos que todo sector industrial ten enriba da mesa”.

Trala “crise” desatada polo anuncio de peche das fábricas de Alcoa na Grela e San Balandrán, Caballero resaltou que o Goberno central conseguiu gañar “máis tempo” e agora “aparecen investidores” que están “a estudar as posibilidades de futuro” para retomar a actividade industrial nesas plantas e manter os postos de traballo.

A mediados do pasado mes de marzo, Alcoa situou a planta de aluminio de San Cibrao “en risco” trala publicación do borrador do estatuto do consumidor electrointensivo, que empresas, partidos e sindicatos alegaron.

O GOBERNO GALEGO “PÚXOSE DE PERFIL”

Con todo, o líder do PSdeG afeoulle a Feijóo “que está nun nivel de irresponsabilidade e incompetencia en política que non é o que merecemos os galegos, porque non ten política industrial”.

Caballero criticou que “colocase de perfil” ao seu conselleiro de Economía, Industria e Emprego, Francisco Conde, en lugar de “poñelo a traballar” para buscar solucións.

A Xunta atribuíu reiteradamente ao Goberno central a responsabilidade de resolver a situación reclamando que aplique unha rebaixa dos prezos da electricidade para as empresas electrointensivas como Alcoa, incluso con efectos retroactivos.

“CRISE” DERIVADA “DO GOBERNO DO PP”

En opinión de Caballero, o Executivo central, presidido polo socialista Pedro Sánchez, está implicado en “buscar solucións ás crises industriais que deixou abertas o PP pola súa incompetencia durante os anos de goberno en Madrid e Galicia“. Neste senso, sostivo que Feijóo “non é un aliado do sector industrial galego”, e que “busca mecanismos de tensión e  os votos que sabe que non ten“.

Caballero fixo un chamamento aos axentes implicados en resolver situacións coma a de Alcoa en “non caer nesa irresponsabilidade”, pois, enfatizou, “o Goberno ten unha folla de ruta“, e sinalou que “en nove meses puxo os mimbres para construír unha política industrial máis sólida e estable”.

A PATRONAL ALERTA SOBRE UN “BALEIRO INDUSTRIAL”

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) esixiu este martes que o estatuto da industria electrointensiva que aprobe o Goberno central -segundo as previsións do Executivo, o 26 de abril, dous días antes das eleccións xerais– debe fixar “un marco eléctrico xusto e estable”, cun prezo “competitivo da enerxía” que “garanta o emprego e a actividade”.

A patronal galega afirmou nun comunicado que só con esa “certeza” poderán chegar ofertas para as plantas “en risco” como Alcoa, Ferroatlántica, Celsa, Megasa, Ence, Finsa, Intasa ou Showa Denko Carbón, entre outras. “Hai que traballar inmediatamente para evitar un baleiro industrial de Galicia”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...