O candidato de Ciudadanos (Cs) ao Congreso por Lugo, José Manuel Blanco, entregou este martes ao comité de empresa de Alcoa en San Cibrao un escrito co seu “compromiso de defender aos traballadores” e unha serie de medidas para “tentar garantir a permanencia da empresa na provincia”, logo de que a multinacional asegurase que ve a planta de aluminio de Cervo “en risco” polo alto prezo da enerxía eléctrica.
Acompañado de Francisco Pintado, médico do Hospital da Costa e número 2 da formación laranxa ao Congreso pola provincia lucense, Blanco incidiu na valoración da empresa, dos traballadores e da oposición, que ven “insuficiente” o estatuto da industria electrointensiva publicado polo Goberno central.
Blanco asegurou que o documento “non vai solucionar” o problema do alto custo da electricidade, e afirma que España “vai seguir sen poder competir coo resto de Europa. O Goberno socialista xoga cos prazos electorais para aprobar un estatuto cheo de incerteza. Cs dará estabilidade e medidas concretas para solucionar o problema de empresas industriais electrointensivas e ‘hiper-electrointensivas‘”, expuxo.
O candidato de Cs lembrou que Alcoa San Cibrao “supón un terzo do Produto Interior Bruto (PIB) da provincia e dá emprego a 1.700 persoas, polo que non podemos permitir o seu peche”.
PROPOSTAS
Así, entre as medidas comprometidas por Ciudadanos está o fomento dos contratos bilaterais de entrega da enerxía eléctrica (PPA) a través de eximir aos xeradores de enerxía eléctrica do imposto de xeneración de maneira permanente.
No tocante á compensación de custos indirectos por emisión de gases de efecto invernadoiro, Ciudadanos propón dar concreción á mencionada bonificación, ademais de impulsar o marco lexislativo e dispositivo estatal e europeo para que permita a implantación de redes enerxéticas pechadas.
Finalmente, Ciudadanos comprométese a desenvolver un “mix enerxético” para que a futura Lei do Cambio Climático e Transición Enerxética responda de maneira integral ós obxectivos de sostenibilidade medioambiental, seguridade de subministro e competitividade de custos.
ESTE MÉRCORES, REUNIÓN
O Executivo podería presentar o novo estatuto -que prevé aprobar dous días antes das eleccións xerais- este mércores, unha vez analizadas as alegacións realizadas. Está prevista unha reunión en Madrid cos sindicatos e con representantes da Xunta de Galicia e do Principado de Asturias.
Alcoa, sindicatos e os Gobernos autonómicos reclamaron unha rebaixa do prezo da enerxía non só para favorecer a permanencia da planta de San Cibrao, senón tamén para estimular a compra das factorías da multinacional na Coruña e Avilés, das que dependen 700 persoas e que están en proceso de peche.
Polo de agora, só trascenderon oito posibles compradores para a planta avilesina da multinacional, que presentaron declaracións de intencións non vinculantes. O prazo para facelo rematará o 15 de abril.