InicioEconomíaExpomar cumprirá a maioría de idade como un referente “nacional e internacional”

Expomar cumprirá a maioría de idade como un referente “nacional e internacional”

A fundación organizadora presentou a cita, que esgotou a oferta hoteleira de Burela, en Santiago de Compostela

Publicada o

- Advertisement -

A décimo oitava feira náutico-pesqueira Expomar, que se celebrará do 9 ao 12 de maio en Burela, presentouse este mércores en Santiago de Compostela.

A cita, de carácter bianual, contará cun recinto de exposición ampliado en 500 metros cadrados -ata os 4.000- para dar cabida a un total de 120 stands e 300 marcas. Ademais, Expomar acollerá a celebración -por primeira vez fora da capital galega- dun pleno do Consello Galego de Pesca.

As xornadas técnicas do xoves e o venres acollerán, no primeiro dos casos, a exposición dun estudo sociolaboral que se fixo en Burela sobre os barcos da frota. “Vai haber unha representación de Cepesca e dos sindicatos e polo tanto pensamos que vai ser unha oportunidade única para ter coñecemento de primeira man de como está a situación”, indica o alcalde de Burela e presidente da fundación organizadora, Alfredo Llano.

O venres falarase do Brexit e do futuro da pesca. “Abordaremos os descartes, os caladoiros e todo o que ten repercusión para o sector”, explica Llano.

A Fundación Expomar organiza esta feira e as súas xornadas técnicas co obxectivo de favorecer unha maior conciencia e sensibilidade sobre o mundo do mar, potenciando o seu afianzamento como marco creador de emprego e desenvolvemento socioeconómico.

O presidente da Fundación Expomar argumentou que o feito de ter que ampliar o recinto “demostra que o sector ten moito interese en participar nesta cita, unha das máis interesantes do Estado español”.

“ESCAPARATE PARA O POBO”

Pero Expomar non é só importante para o sector pesqueiro, senón tamén para o hoteleiro. “Están todas as prazas dos hoteis collidas”, afirmou Llano, que considerou o evento como un acicate turístico. “É sempre un escaparate enorme para o noso pobo, que se pode aproveitar para favorecer o turismo e a economía”.

A feira foi presentada esta maña en ABanca, na Praza de Cervantes en Compostela. O acto contou coa presenza de Mercedes Rodríguez, directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, do concelleiro de turismo, Ramiro Fernández Rey, así como representantes de Armadores de Burela S. A. (Absa), da OPP Lugo, da xefatura territorial de Pesca en Lugo e do xerente da Fundación Expomar, José Manuel González “Brais”, e a deputada parlamentaria Patricia Otero, entre outros.

“UNIÓN EMPRESARIAL E INSTITUCIONAL”

Rodríguez salientou a oportunidade que supón este evento e as súas xornadas técnicas para a mellora do modelo económico do sector. A representante da Consellería do Mar explicou que neste encontro se abordan as principais preocupacións do sector, “o que permite avanzar na adopción de medidas que garantan mellores resultados aos profesionais das actividades náutico-pesqueiras”.

A feira e as xornadas técnicas de Expomar son, segundo remarcou Mercedes Rodríguez, “referentes nacionais e internacionais na promoción e desenvolvemento do sector” e representan “esa unión institucional e empresarial tan necesaria para trazar o rumbo a prol do futuro socioeconómico do noso sector”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...