A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver o programa de axudas polo que se achegarán 265.296,42 euros a sete concellos lucenses para a contratación durante nove meses de 24 desempregados perceptores da Risga (Renda de Integración Social de Galicia).
Coa achega da Xunta de Galicia, Mondoñedo poderá contratar un varredor, cun orzamento de 11.161 euros. Ourol, un peón forestal, por 12.584 euros. Cervo contará cun peón medioambiental, por importe de 10.168 euros. O Vicedo, cun auxiliar de biblioteca, para o que recibirá 9.469 euros.
Burela recibirá 45.152 euros para contratar catro peóns de obra e outros 11.288 para contar cun xardiñeiro. Ribadeo percibirá 65.560 para dar emprego a cinco peóns, mentres que Viveiro disporá de 88.470 euros para empregar a nove peóns e de 11.493 euros para a contratación dun capataz.
A convocatoria que vén de resolverse presenta como principal novidade a ampliación da duración do contrato apoiado pola Xunta, que pasa de sete a nove meses. Outra dos cambios é o incremento da contía media concedida por traballador, que aumentará un 35,4%, para un salario medio en torno a 11.467 euros. A Xunta apoia os custes salariais totais -salario e seguridade social- para un máximo do 75% da xornada.
PREFERENCIA
Os beneficiarios desta iniciativa serán aqueles perceptores da Risga que estean inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados. Entre eles, terán preferencia aqueles que teñan asinado un proxecto de inserción de carácter laboral, conten con cargas familiares ou teñan máis de 45 anos.
Os principais concellos beneficiarios do programa nesta provincia son os de Lugo (190.580 euros de achega para 20 contratos); Monforte de Lemos (307.269 euros e 20 contratos); Sarria (131.557,50 euros para dez contratos) e Viveiro (99.911 euros e dez contratos).

114 CONTRATOS NA PROVINCIA
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta medida busca favorecer a inserción laboral destas persoas e evitar así a súa cronificación nunha situación de exclusión. “É unha dobre oportunidade, tanto desde o punto de vista social como no relativo á oportunidade laboral que representa”, resumiu.
A nivel provincial, a achega da Xunta é de 1,3 millóns de euros a 29 concellos lucenses para que contraten a 114 desempregados.
OBRADOIROS DE EMPREGO
Balseiro explicou que, tamén no ámbito do impulso ao emprego local, o último Consello da Xunta vén de autorizar a convocatoria de axudas para solicitar novos obradoiros de emprego, que suporán destinar, no conxunto da comunidade, 24,5 millóns de euros entre 2019 e 2020 para poñer en marcha 80 obradoiros.