InicioEconomíaNadal promete en Cervo "axudas inmediatas" ás electrointensivas a dous días da...

Nadal promete en Cervo “axudas inmediatas” ás electrointensivas a dous días da presentación do estatuto

O ex secretario de Estado de Orzamentos e Gastos compromete subvencións e rebaixas fiscais para Alcoa, mentres que a CIG convoca unha concentración o vindeiro venres na fábrica

Publicada o

- Advertisement -

EFE. O ex secretario de Estado de Orzamentos e Gastos, Alberto Nadal, asegurou este mércores en Cervo que se o Goberno central que saia das urnas o vindeiro 28 de abril non adopta medidas “de xeito inmediato“, a “supervivencia das electrointensivas”, como Alcoa, “vai ser imposible” polo “elevado prezo da enerxía”.

Nadal fixo esta afirmación no transcurso dun acto electoral do Partido Popular (PP) no municipio cervense, onde ten unha das súas dúas plantas galegas a multinacional do aluminio. O candidato ao Congreso por Lugo, Jaime de Olano, tamén participou no evento da campaña.

GALICIA E ASTURIAS, “MOI DEPENDENTES”

Durante a súa intervención, Nadal lembrou que o prezo da enerxía é máis barato no resto de Europa ca en España, polo que “hai que compensar isto dalgunha maneira” para que a industria sexa competitiva, cando Galicia e Asturias “son tremendamente dependentes dalgunha das grandes industrias electrointensivas“.

Nadal lembrou que, no caso de Galicia, Alcoa é “a máis electrointensiva das electrointensivas”, porque o 40% dos custos de produción no caso do aluminio primario “son enerxéticos, de modo que a supervivencia da empresa depende criticamente do prezo da enerxía”.

RENOVABLES

Nese senso, lembrou que para abaratar o prezo da enerxía, o primeiro é “non meter custos innecesarios”, pero “agora mesmo o programa de PSOE e Podemos repite exactamente os mesmos erros cometidos no 2007 e 2008” coas “renovables en España”, cando o “desastre” da política enerxética “quebrou o sistema, incrementou o prezo e creou un volume de débeda brutal“.

As plantas que “abaratan” o custo da enerxía “son as nucleares” e as que se alimentan “do carbón“, afirmou, pero “o programa do PSOE e de Podemos” fala de “pechar” esas instalacións, cando se “pechasemos de golpe todas as centrais nucleares e térmicas, o prezo da electricidade subiría un 50 ou 60%“, afirmou.

Para Nadal, “parece que cando un mira a política enerxética que está a desenvolver este Goberno e que quere desenvolver nun futuro, a única pata que existe é a medioambiental, pero a seguridade de subministro e os custos” son “as outras dúas patas do sistema, que desapareceron”, argumentou. Por iso, insistiu en que “España non pode competir no mundo tendo a enerxía máis cara de Europa. Isto é imposible”, enfatizou.

GASODUCTO

Nadal xustificou o comportamento do anterior Executivo. “Desde Moncloa, no 2012, cambiouse o sistema de interrumpibilidade para acadar que Alcoa estivese aberta”, e “cando Europa puxo problemas”, o Estado “puxo 150 millóns de euros” dos orzamentos.

No caso “específico” da Mariña Lucense, Nadal aseverou que “levamos o gas ata o norte da provincia de Lugo para conseguir que os custos enerxéticos fosen máis baixos”.

Así, prometeu que se o PP gaña as eleccións xerais, “crearase un Real Decreto Lei” para modificar o orzamento do 2019 e “elevar a contía” para axudar ás empresas electrointensivas “de xeito inmediato“.

ABARATAMENTO FISCAL

Tamén se pode actuar, lembrou, no “ámbito fiscal“, no “imposto que pagan as industrias como consumidoras de electricidade”, e aínda que as empresas electrointensivas teñen bonificado este tributo ao 85%, “habería que elevar esa bonificación ao 100%”, sostivo. Ademais, recomendou eliminar o gravame de xeración ás eléctricas, unha vez que se acabou co déficit tarifario, o que rebaixaría o prezo da luz “nun 7%”.

Finalmente, recordou que Europa “permite que ás industrias electrointensivas, que estean pagando impostos medioambientais relacionados co CO2, se lles desconten”, afirmou Nadal, que concluíu que se esas medidas “non se adoptan de maneira inmediata, a supervivencia das electrointensivas vai ser imposible”.

DÍAZ SUBLIÑA A “INCIDENCIA SOCIAL” DE ALCOA NA MARIÑA

Pola súa banda, nun mitin en Lugo, a candidata de Podemos Yolanda Díaz asegurou que “deixar caer a Alcoa na provincia lucense é unha cousa moi seria, pola incidencia social que ten”, afirmou.

“Hai que facer política para a xente”, asegurou Díaz, que lamentou que o Executivo central estea “deixando caer” empresas que son estratéxicas “por ideoloxía” e pola concepción de que o público non pode intervir na empresa privada.

CONCENTRACIÓN DA CIG

Pola súa banda, a Confederación Intersindical Galega (CIG) continuará o seu programa de protestas para esixir solucións á crise da industria electrointensiva en San Cibrao. A protesta será ás 13.30 horas, diante da fábrica de Alcoa.

Agárdase a presenza do secretario xeral do sindicato nacionalista, Paulo Carril. O BNG de Viveiro confirmou o seu apoio ao acto reivindicativo, que coincidirá coa data na que o Goberno central aprobará, segundo ten comprometido, o texto definitivo do estatuto de consumidores electrointensivos.

A central solicitará medidas que garantan os postos de traballo e a actividade produtiva. Neste senso, insiste na necesidade da aprobación dunha tarifa eléctrica “máis xusta, predecible e competitiva”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...