InicioEconomíaO Goberno pospón o estatuto das electrointensivas para despois das xerais

O Goberno pospón o estatuto das electrointensivas para despois das xerais

O Executivo alega un informe desfavorable da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia para adiar o documento, que precisa dunha maior "seguridade xurídica"

Publicada o

- Advertisement -

EFE. O Consello de Ministros deu marcha atrás na súa intención de aprobar o vindeiro venres o estatuto para os grandes consumidores de enerxía eléctrica, logo das alegacións presentadas pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), segundo comunicados das delegacións do Goberno en Asturias e Galicia.

O Executivo central sinala no comunicado que as consideracións da CNMC “aconsellan revisar o contido do borrador elaborado polos ministerios para a Transición Ecolóxica e Industria, Comercio e Turismo a fin de garantir a máxima seguridade xurídica“.

Segundo o Goberno, todos os implicados no “complexo” proceso de elaboración foron conscientes de que se “traballaba a contrarreloxo e de que podería ser difícil a súa aprobación nesta lexislatura”.

O Executivo subliña que fixo “todos os esforzos”, incluídas a autorización polo Consello de Ministros da súa tramitación urxente e a aceleración do trámite de información e consulta pública. Ademais, reitera o seu “compromiso coa elaboración e aprobación dun estatuto que responda axeitadamente ás necesidades da industria electrointensiva“.

SEIS MESES DE PRAZO

Segundo o comunicado, é necesario que, tralas eleccións do vindeiro domingo, se constitúa “á maior brevidade un novo Goberno” que presente e aprobe o estatuto do consumidor electrointensivo en cumprimento do prazo de seis meses fixado no Real Decreto-Lei de Medidas Urxentes para o impulso da competitividade económica nos sectores da industria e o comercio.

FREO DA CNMC

A CNMC considera que os mecanismos incluídos no proxecto de estatuto de consumidores electrointensivos, que persegue paliar o impacto da factura eléctrica nas grandes industrias, deben ser vistas como axudas do Estado.

O proxecto de real decreto polo que se regula o documento recolle distintos mecanismos de apoio –redución ou exención do financiamento dos pagos por capacidade, compensación de custos de emisións de CO2, revisión de coeficientes de perdas ou cobertura de riscos para contratos a longo prazo– e todos deben ser analizados “desde a óptica de axudas de Estado”, segundo a CNMC.

Por iso, no seu informe sobre o proxecto, a CNMC pide analizar en maior detalle todos os mecanismos incluídos e recomenda que se teñan en consideración as axudas á industria electrointensiva que outros Estados membros adoptaron, e que foron autorizadas pola Comisión Europea.

OS OBREIROS DE ALCOA VEN “UN BOICOT” DA UE

O comité de empresa de Alcoa A Coruña, unha das dúas fábricas da multinacional do aluminio -coa de Avilés– en proceso de peche, confesa non entender se a marcha atrás do Goberno “é un boicot da Unión Europea“, polo que pide ao Executivo “valentía” para defender o documento en Europa.

O delegado de Comisións Obreiras (CC OO) da planta coruñesa, Miguel Conde, asegura que a non aprobación do estatuto é “algo fatídico” para os intereses dos case 700 traballadores das fábricas da Grela e San Balandrán, e reiterou que “sen un prezo da enerxía estable, non hai industria neste país”.

“CHAVE” PARA SAN CIBRAO

A aprobación do documento foi considerada chave para que poida haber compradores para as plantas da Coruña e Avilés, que deben atopar investidores antes do 30 de xuño, pero tamén para a continuidade da planta de aluminio de San Cibrao, que Alcoa ve “en risco” sen un abaratamento da enerxía.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...