InicioEconomíaConta atrás para Expomar, que mostrará "todo o que se pode ver"...

Conta atrás para Expomar, que mostrará “todo o que se pode ver” da náutica e da pesca

O xoves arrincará a feira, que incluirá un acto de agradecemento público a Narciso González, Catalina Sánchez Luengo e ao programa 'Vivir o mar', da TVG

Publicada o

- Advertisement -

O salón de plenos do consistorio acolleu este venres a presentación da décimo oitava edición da feira náutico-pesqueira Expomar, que ten como obxectivo sensibilizar sobre o sector, a súa importancia e as súas problemáticas, e que na súa maioría de idade recoñecerá a quenes contribuíron ao crecemento da cita.

O domingo 12 de maio, xornada de peche do programa, terá lugar un acto de agradecemento público a Narciso González, Catalina Sánchez Luengo e ao programa ‘Vivir o mar‘, da Televisión de Galicia (TVG).

O xerente da Fundación Expomar, José Manuel González, “Brais”, asegurou que González foi “un dos primeiros ou o primeiro concelleiro de mar de Galicia e unha persoa chave no nacemento da feira”. Respecto a Sánchez Luengo, a súa predecesora no cargo, Brais sinalou que foi “un piar no desenvolvemento da cita”, mentres que o programa da TVG “fixo un gran traballo divulgativo das actividades marítimo-pesqueiras”.

a fundación organizadora quere dinamizar o sector coa realización de actividades “cada mes do ano”

Na presentación do evento, Brais tamén avanzou a intención da Fundación Expomar de “non limitarse á feira, que é bienal”, ou ás xornadas técnicas, anuais, senón de “realizar actividades ao longo de todo o ano, todos os meses”.

350 FIRMAS E 140 STANDS

Un total de 350 firmas exhibiranse nos arredor de 140 stands da feira, do 9 ao 12 de maio. Os asistentes atoparán “todo o que se pode ver: motores, equipos electrónicos, aceites, pinturas, oferta de aseguradoras e de prensa especializada”, explicou o xerente. A demanda obrigou a ampliar en 500 metros cadrados o recinto habitual, na nave de redes, para alcanzar os 4.000.

A feira será inaugurada o 9 de maio ás 13.30 horas pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, será o encargado da clausura o 12 de maio ás 13.00 horas.

XORNADAS TÉCNICAS

Paralelamente á feira, polas tardes, celebraranse as xornadas técnicas, que se dividirán en dous bloques. O xoves 8 abordaranse cuestións relativas ao ámbito social da pesca, coa presentación dun estudo sociolaboral da frota pesqueira en Burela. O venres será a quenda da xestión pesqueira, co debate de temas como a obriga de desembarque ou o Brexit. Podes consultar o programa completo neste enlace. PROGRAMA DE ACTIVIDADES EXPOMAR 2019

a presentación dun estudo sociolaboral da frota pesqueira en burela será un dos atractivos das xornadas técnicas

CONSELLO DE PESCA E ENCONTRO EMPRESARIAL

Ademais, Expomar acollerá o venres 10 o Consello Galego de Pesca, que por primeira vez se celebrará fóra de Santiago de Compostela. Administración, e patróns maiores participarán na sesión plenaria, onde se debaterán cuestións de importancia para o sector. Ese mesmo día celebrarase o encontro empresarial de organizacións pesqueiras.

EXPOSICIÓN

Tamén se poderá ver unha exposición sobre biodiversidade mariña, grazas á delegación de turismo do Concello de Burela. O biólogo Carlos Ruiz Fernández mostrará imaxes das especies que se poden atopar ao longo de toda a costa da Mariña Lucense.

o pleno do consello galego de pesca celebrarase por primeira vez fóra de santiago de compostela

OS HOTEIS, “AO 100%”

No acto interviñeron tamén o alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro. Tamén asistiron o presidente de Armadores de Burela, S. A. (Absa), Abelardo Basanta, e o patrón maior da confraría de pescadores, Basilio Otero, entre outros.

Llano asegurou que “este evento é unha oportunidade para dar a coñecer o noso pobo, e é sempre un escaparate enorme onde se pode aproveitar para favorecer o turismo e a economía. A ocupación hoteleira eses días será do 100% no noso concello”, subliñou.

Pola súa banda, Balseiro remarcou a importancia dos portos de Celeiro e Burela e, no tocante ao Consello Galego de Pesca, subliñou que “se entre o 9 e o 12 de maio Burela converterase na capital europea do mar, ten todo o seu sentido que sexa tamén o lugar no que se debata o xeito de seguir mantendo o liderado galego na pesca”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...